Amosando publicacións coa etiqueta biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta biblioteca. Amosar todas as publicacións

21.5.26

Lectura e Familias 2025-26

Un curso máis, e xa van catro, desenvolvemos o programa Lectura e Familias: educa-tribo.

Un programa que permite a lectura compartida coas familias e entre iguais, así como sesións formativas.

Achegamos listaxe das actividades que se inclúen no programa:

  • Hoxe le..., sesións de lecturas compartidas entre iguais.
  • Educa-tribo, sesións formativas impartidas polas familias: lámpadas de lava, calceta, pintura e flores con lazos.
  • Concerto de Pakolas, As máis molonas!, programado para pechar o curso escolar.

Agradecid@s a toda a comunidade pola súa colaboración e implicación na implementación do programa, que inclúe actividades xa sistematizadas na nosa biblioteca.

Felices lecturas!

19.5.26

Teatro: A Gran Viaxe das Letras Galegas, até Begoña Caamaño

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Celtia Figueiras, de A Xanela do Maxín, voltou a nosa biblioteca para representar A Gran Viaxe das Letras Galegas, até Begoña Caamaño.

Unha obra con participación da cativada que percorre diversas épocas e autorías galegas. Unha viaxe emocionante a través da lingua, da historia e da cultura galega.

6.5.26

DichoLeo 2026

No noso Mes das Letras, presentamos, un curso máis, as pezas audiovisuais creadas por cada grupo-aula para dar tratamento ás interferencias lingüísticas.

Alfabetización audiovisual e dinamización da lingua para seguir coidando e valorando a nosa lingua nai: o galego.

Fala galego todos os días do ano, DichoLeo!

10.12.25

Biblio-Retos: RETARTE!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do 1º trimestre os biblio-retos do mural RETARTE! tiveron moi boa acollida.

A arquitectura, a pintura e a música foron as tres artes protagonistas. O alumnado, de maneira voluntaria, ocupou os seus recreos en superar os retos mediante os cadernos-informe que debían depositar na urna correspondente para ser valorados e recibir o premio final. Todos/as superaron os retos sen dificultade.

O cine, a escultura, a danza e a literatura serán as artes que dean continuidade a esta actividade nos próximos trimestres. Actividade relacionada co PDI que nos ocupa e dinamizada polo equipo de Biblioteca-Dinamización da Lingua, co obxectivo de desenvolver a alfabetización múltiple e o acceso á información mediante os recursos da biblioteca.

A túa biblioteca busca... retARTE!

5.12.25

Clásicos.. do mes!

Premer imaxe para accede á galería de fotos

Este curso inauguramos nova exposición na biblioteca, atendendo á literatura como arte recollida no PDI de centro. Concretamente á literatura clásica, lecturas atemporais e universais que se instalan, moitas veces, no imaxinario de todas/os sen a necesidade de ser lidas.

Visibilizar exemplares de tan alto valor educativo e cultural é imprescindible; así Ítalo Calvino recórdanos que

 "Se llama clásicos a los libros que constituyen una riqueza para quien los ha leído y amado, pero que constituyen una riqueza no menor para quien se reserva la suerte de leerlos por primera vez en las mejores condiciones para saborearlos"

A seguir gozando da literatura, a arte da palabra.

22.10.25

Novo recuncho: Apalabrando a Lingua

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Novo curso e novo recuncho na biblioteca, Apalabrando a Lingua. Espazo creado para a normalización e dinamización da Lingua Galega mediante un mural parlante para o cal facilitamos plantillas editables aos grupos-aula, co obxectivo de que adapten ás necesidades do alumnado o vocabulario a tratar na nosa lingua nai.

Ao tempo, organizamos, dotamos e creamos novos recursos para a biblioteca: pantalla dixital interactiva, teatriño, cartelería, xogos ou os sinalizadores en madeira para as exposicións, realizados coa cortadora láser do centro.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un compromiso claro polo coidado, mellora da biblioteca e a dinamización da lingua, todos os días do ano.

22.5.25

Lectura e familias: educa-tribo

Un curso máis, e xa van tres, desenvolvemos o programa Lectura e Familias: educa-tribo.

Un programa que permite a lectura compartida coas familias e entre iguais, así como formación para toda a comunidade.

Achegamos enlaces ao álbum de fotos das lecturas compartidas e das formacións, premer en cada título para acceder:

  • Hoxe le..., sesións de lecturas compartidas entre iguais.
  • Nadal en familia! impartido por diversas familias, baixo a organización de cada titoría.

Agradecid@s a toda a comunidade pola súa colaboración e implicación na implementación do programa, que inclúe actividades xa sistematizadas na nosa biblioteca.

O vindeiro curso máis lectura e familias!

 

21.5.25

Encontro e contos con Boniface Ofogo

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Pechamos, con Boniface Ofogo, un Mes das Letras do máis cultural e diverso.

Boniface mantivo un encontro co alumnado de 4º de primaria, que tiña moitas preguntas sobre os seus libros e biografía. O escritor e griot (figura tradicional de África encargado de narrar historias) respondeu transmitindo moitos valores e ensinanzas, como a paciencia, non a lentitude que se asocia á tartaruga.

Despois do encontro, gozamos no Centro Cívico e Cultural de Malpica, da súa mestría como contacontos. Contos de animais e ata cantos, que tanto gustaron.

Todo un éxito de encontro e contos da man de Boniface Ofogo. Agradecid@s polo seu bo facer.

6.5.25

DichoLeo 2025

Presentamos, un curso máis, as pezas audiovisuais de cada grupo-aula no noso Mes das Letras.

Dinamizando a lingua e atendendo á alfabetización audiovisual, seguimos a dar tratamento ás interferencias lingüísticas e enriquecendo o vocabulario na lingua nai. 

Fala galego, DichoLeo!




21.2.25

Encontro con Lupe Blanco

Todas as aulas de primaria mantiveron un encontro con Lupe Blanco, grazas a cal se achegaron a poesía popular oral e crearon coplas para o noso entroido: un entroido... do máis natural!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Una xornada divertida e creativa, na cal cada aula, coa axuda de Lupe Blanco, foi creando unha copla adicada ao seu disfraz.

As coplas finais podedes escoitalas premendo no seguinte podcast, grazas a colaboración de: Candela, Clara, Dania, Noela e Marco G. (voces) e a mestra Susana (pandeireta):

Agradecemos a Lupe a súa dispoñibilidade e bo facer, nunha xornada na que a poesía popular oral foi a protagonista para achegar a comunidade as nosas tradicións e valorar a nosa lingua nai, nun día coma hoxe no que conmemoramos o Día da Lingua Materna.

13.1.25

FAMILIAS (in)FORMÁNDOSE: convivencia

Iniciamos o 2º trimestre coa formación impartida a familias ao redor da convivencia.

O vindeiro luns 20 de xaneiro, na nosa biblio, esperamos contar coas familias, que teñan dispoñibilidade, para seguir formándonos en comunidade da man de Tamara Rodríguez de Asociación Vieiro (Carballo)

Unha oportunidade de formación impartida por unha profesional que nos axudará, a familias e profesorado, a medrar persoal e socialmente.

30.10.24

XV Lecturas Terroríficas na biblio

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un curso máis festexamos a chegada do Samaín desenvolvendo na nosa biblio as XV Lecturas Terroríficas.

Todas as aulas representaron, dramatizaron..., tendo en conta o lema da Asesoría BEGA para o presente curso: Biblioteca escolar, a escena!

O teatro, inspirado por obras alleas ou de produción propia, foi protagonista dunha semana na que hai que felicitar a tod@s polo esforzo e motivación amosado na variedade de actuacións, as cales se irán publicando nos blogs de cada ciclo. 

Pasámolo... de medo!

Feliz Samaín a tod@s.

24.5.24

Lectura e Familias: educa-tribo


Presentamos dous resumos audiovisuais do desenvolvemento do programa Lectura e Familias ao longo do curso 2023-24, no cal enmarcamos o noso proxecto Educa-Tribo: lectura e formación.

Ao tempo, achegamos enlaces aos álbums de fotos das lecturas compartidas e das formacións, premer en cada título para acceder:

  • Xogos de mesa impartido por Leticia, Noa e Mara P. de 6º de primaria

Un curso máis, agradecemos a colaboración da comunidade: familias, nen@s e profesorado.

O vindeiro curso, en comunidade, máis lectura por placer e para informarse.

14.5.24

Mes das Letras 2024: visita libraría Aenea

Libraría Aenea
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un curso máis, dentro da programación do noso Mes das Letras, recibimos a visita de libraría Aenea. Unha visita que, ademais de lecturas compartidas, nos achegou aos libros e outros materiais que foron divulgados por Lola, libros de ficción e de non ficción: informativos, banda deseñada, narrativa..., así como xogos varios e ata un kamishibai. 

Tod@s puideron botar o ollo a próximas peticións lectoras as súas familias, así como o profesorado e a biblio realizamos novas adquisicións que serán dinamizadas o vindeiro curso escolar.

Grazas infindas a Lola por achegarnos o marabilloso mundo dos libros.

2.5.24

DichoLeo 2024

Damos continuidade ao noso Mes das Letras, presentando as pezas audiovisuais de cada grupo-aula para a nosa produción propia: DichoLeo 2024 en relación co PDI que nos ocupa.

Dinamizando a nosa lingua e desenvolvendo a alfabetización audiovisual damos tratamento as interferencias lingüísticas, ampliando vocabulario na lingua nai.

Parabéns a tod@s, o vindeiro curso... máis!




26.2.24

FAMILIAS (in)FORMÁNDOSE: novas tecnoloxías e redes sociais

Familias Formación

O vindeiro luns 11 de marzo de 16 a 18 horas, na nosa biblio, contaremos coa Asociación Vieiro de Carballo para seguir informándonos, formándonos.

As novas tecnoloxías e as redes sociais serán os contidos a tratar: o seu uso e como ensinar/previr os seus riscos.

Seguimos crendo na información como fonte de formación continua, de aprendizaxe ao longo da vida e no imprescindible papel das familias como primeira escola: inFORMÁNDONOS en comunidade.

5.12.23

Exposición de Nadal 2023

Exposición de Nadal 2023

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un ano máis, chegan as luces e os agasallos de Nadal: chegan os libros!

Os libros brillan con luz propia para emocionar, para saber, para ler en viñetas... para tod@s!

A nosa humilde homenaxe a O Hematocrítico, falecido o pasado 27 de novembro, que tanta luz nos deixa coa súa obra e parte da cal quixemos destacar na zona colgante da exposición. O noso máis sentido pésame para os seus seres queridos. O Hematocrítico sigue vivo en cada un dos seus libros e só nos queda dicir o que recolleu Ruth Caramés na súa viñeta do diario Nós:

GRAZAS!

Exposición de Nadal 2023

A guía de Nadal 2023, que xa está na imprenta e en formato dixital nunha próxima publicación, será entregada o último día lectivo para que poidades pedir os vosos regalos en forma de libro, para iluminar o voso Nadal e... todos os días do ano!

30.11.23

Leo le... BANDA DESEÑADA!

 Leo le... BANDA DESEÑADA!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Continuamos dinamizando a banda deseñada/cómic como recurso valioso para a lectura por placer e para informarse; así como para exemplificar a actividade anual proposta: Galicómic.

Unha exposición que é moi ben acollida polo comunidade, presentando dúas exposicións ao longo do 1º trimestre.

Seguiremos divulgando o cómic como recurso educativo imprescindible, como narrativa gráfica valiosa para a educación en valores, a competencia comunicativo-lingüística, a creatividade, o traballo en equipo, o pensamento crítico...

7.6.23

Educa-Tribo: lectura e familias_3º trimestre

Presentamos o desenvolvemento do proxecto Educa-Tribo, enmarcado no programa Lectura e Familias, ao longo do 3º trimestre.

Un trimestre no que lecturas e formacións, con familias e entre iguais, foron a clave para desenvolver actitudes, habilidades e coñecementos.

Unha verdadeira marabilla cada sesión de lecturas compartidas Hoxe le...; así como cada un dos educa-tribo nos que @s expert@s, de maneira totalmente altruísta, compartiron os seus coñecementos, a súa experiencia cos demais.

Cortiza comunidade in-FORMÁNDOSE!

Parabéns e grazas a nen@s e... familias!

Continuará...

18.5.23

Mes das Letras: DichoLeo!

Premer en cada grupo-aula para visualizar a súa produción.

Presentamos unha actividade que naceu co PDI que nos ocupa: DichoLeo!

Unha actividade de dinamización da lingua mediante pezas audiovisuais de produción propia e que ve a luz no Mes das Letras.

Agradecemos a letra, voz e música, da mestra Estefanía, para o extracto de audio que abre e pecha cada vídeo. Outra produción propia que mañá escoitaremos e veremos, en primicia, no Festival das Letras.

Parabéns a tod@s, as nove pezas audiovisuais amplian o noso vocabulario na lingua nai: o galego.

Unha lingua para aprender, unha lingua para sentir.