Amosando publicacións coa etiqueta PLAMBE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PLAMBE. Amosar todas as publicacións

26.3.22

Encontros PLAMBE 2021-22

Encontros PLAMBE 21-22

O venres 25 de marzo de 2022, celebrouse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela os Encontros PLAMBE 2021-22.

Os Encontros comezaron o xoves 24 de marzo para os centros de nova incorporación no PLAMBE, mais no día de onte o noso colexio participou nun dos relatorios de experiencias educativas como centro LIA.2 no cal presentamos o camiño percorrido nos últimos 6 anos para asentar un novo concepto de Biblioteca Escolar: a BE-LeoLab Milladoiro. Premendo no seguinte enlace accederedes ao documento que presentamos, o cal forma xa parte da nosa listaxe de Documentos situada na columna lateral deste blog.

Asemade, participamos cun póster de produción propia onde recollemos o que somos e que podedes ver na imaxe. Póster impreso pola Asesoría BEGA e que xa forma parte do noso colexio.

Póster CEIP Milladoiro.Malpica

Uns Encontros moi emotivos pola necesidade de reencontrarnos persoalmente, non a través das frías pantallas, e moi enriquecedores pola formación recibida ao longo da xornada.

Parabéns a Asesoría, unha vez máis, por posibilitarnos o encontro e a necesaria formación continua e de calidade.




3.10.19

Biblioteca escolar. viveiro de cidadanía

Esta marabilla é o cartel que este curso ilustra o lema do traballo das Bibliotecas escolares de Galicia.

O autor é Óscar Villán, quen xa nos ten afeitos aos seus debuxos deliciosos (lembrades O coelliño branco?)

O cartel representa moi ben o mundo de posibilidades que se abren nunha biblioteca escolar viva, moderna, activa... unha biblio como a nosa.

Como ben din desde a Asesoría:


A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.

17.11.11

Bibliotecas Escolares de Galicia: un exemplo, un modelo


Biibliotecas Escolares en Tránsito [GAL] from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Co gallo da celebración en Compostela os pasados 10,11 e 12 de Novembro do Congreso de Bibliotecas Escolares, a Asesoría de BEs de Galicia, decidiu aló polo mes de Maio, rodar un video que plasmara de modo gráfico o que hoxe é a realidade das bibliotecas escolares galegas.
Para elo, escolleron unhas cantas, entre elas a nosa, co fin de mostrar o que hoxe somos. Foron estas e poderían ser calesquera outras porque hoxe, as 500 BEs que formamos parte do PLAMBEsomos, no estado español exemplo de modernidade e renovación pedagóxica.
O vídeo son 7 minutos pero hai rodadas varias horas (no noso centro foi case hora e media de rodaxe) e, posiblemente se sigan a facer montaxes que recollan os materiais que quedaron fora desta primeira presentación. Cousas como as opinións das comunidades educativas, os diferentes servicios que ofertamos e o seu funcionamente, as opinións do profesorado responsable delas....
Valga esta primeira entrega coma mostra do que HOXE XA SOMOS e que foi motivo de envexa san para quenes no Congreso poideron ver as imaxes.
Este tipo de iniciativas fannos máis fortes pois dannos visibilidade e deixan patente a nosa realidade que, esperemos, non teña volta atrás.

13.9.11

As Bibliotecas Escolares Galegas despedimos a Mª Dolores



Comezamos o curso con tristeza.

Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores púxonos a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que pagan a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares

posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig 
 

10.9.11

Cando as volvoretas provocan furacáns

Hoxe chegounos unha triste nova: o inesperado pasamento de Mª Dolores, a quen todos coñeciamos polo seu correo electrónico mdamt. Ela era a responsable da Biblioteca do IES Luis Seoane de Pontevedra e foi unha das impulsoras e organizadoras da actividade Salvando Libros.
Choraremos a súa ausencia tentando seguir o seu exemplo de traballadora incansable e entusiasta, animadora, compañeira...MESTRA.
Na súa memoria, este poema de Manuel Antonio:

Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós

Roubáronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

Roubáronnos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pola corda floxa do horizonte

Este oucéano destracou das costas
e os ventos da Roseta
ouretáronse ao esquenzo

As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxe

Pero tamén sabemos a maniobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha singradura

No cuadrante estantío das estrelas
ficou parada esta hora:
O cadavre do Mar
fixo do barco un cadaleito

Fume de pipa Saudade
Noite Silenzo Frío
E ficamos nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós.

Desde Malpica, unha sentida aperta  para a súa familia

15.3.11

Outro modo de vela, outro modo de vivila


Desde o IES da Fonsabrada, chéganos esta historia dun libro esquecido que tras percorrer boa parte do centro retorna ao seu lugar natural: a biblioteca.
Nela participa toda a comunidade educativa (profes, escolares, cociñeiras) e, con moito traballo e moito humor, van facendo un percorrido polo centro lembrando a CDU.
A nós gustounos moitiiiiiiiiiiiísimo.
E compartímolo con todos vos.
Está feito en forma de Lipdub, un formato moi acaído para o asunto. E, sobre todo, moderno, actual e divertido.
Porque as biblios teñen que ser así.

16.9.10

Un excelente comezo

Non todo habían ser malas novas neste comezo do curso. Non ho...!!!
Onte recibimos dúas expléndidas porque están relacionadas cos nosos logros, co traballo que facemos paseniñamente cada día de cada curso.
Por unha banda: conseguimos o 2º premio na XVI edición de Ponte nas Ondas O tesouro dos avós ó que sabedes que nos presentaramos con catro lendas de Malpica contadas polos avós e recreadas polos nenos e nenas de 2º, 3º e 6º.
Deixovos o documento co fallo do Xurado por se queredes saber dos outros centros premiados.

Por outra banda, tamén onte soubemos da publicación no DOG da resolución das axudas para este curso aos centros integrados no PLAMBE, asignación que se fai atendendo á Memoria de actividades levadas a cabo no curso que rematou. Unha vez máis gozamos da maior das cantidades asignadas pola Conselleria.

Cousas coma estas énchennos de satisafacción e estimúlannos para seguior traballando: son vento nas nosas velas para continuar con ilusión o traballo diario, ilusión que non sempre é doado manter nos tempos que corren.
Así que....
Parabéns ós profes, nenos e nenas do MILLADOIRO!!!!!

1.7.09

79 máis

79 novos centros públicos de toda Galicia incorporaránse o vinderio curso ó PLAMBE, segundo a resolución provisional que se fixo pública o pasado día 23.
Podedes consultar a listaxe de todos eles nesta ligazón.

Recibimos con cariño a nova: Xa somos máis. Para pensar, para opinar, para aprender, para enriquecer... PARA SUMAR.

79 novos fachos da animación á lectura e da ALFIN. 79 claustros máis comprometidos no labor de divulgar a lectura, as técnicas de búsqueda documental... 79 equipos que regalarán o seu tempo e o seu esforzo. Que non terán máis horas que as que cada claustro decida, ningún punto para a súa carreira administrativa, que non terán a consideración de departamento... Que chegarán ó final do curso extenuados... pero repetirán ano tras ano.

Benvidos e benvidas a este fermoso reto educativo que son as Bibliotecas Escolares de Galicia, referentes xa hoxe dentro do panorama do Estado Español.



17.10.08

Bibliotecas para ler e aprender



Así reza o lema deste ano dos II Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia que terán lugar esta fin de semana en Compostela organizados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación

Alí tentaremos aprender algo máis sobre esta parte do noso traballo que tanto nos gusta, escoitaremos a Rosa Piquín, a José García Guerrero, a Isabel Solé, a Antonio Basanta... alí escoitaremos de primeira man as experiencias de tantos e tantos compañeiros/as que por Galicia adiante andan a traballar. Foro de aprendizaxe, de intercambio... ocasión para topar os amigos e facer outros novos.