Amosando publicacións coa etiqueta sacapenas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sacapenas. Amosar todas as publicacións

27.3.20

Sacapenas. Ou... como escorrentar os medos!

Segundo conta a lenda tradicional de Guatemala, cando os nenos e nenas teñen medos ou pesadelos, cóntanllelos aos seus pequenos bonecos sacapenas antes de ir durmir. Despois, póñenos baixo da almofada e pola mañá, o temor desapareceu!

 A lenda explica que, a partir do momento en que o boneco recibe a confidencia, é el (ou ela) quen se fai cargo da preocupación e permite que a rapazada durma tranquilamente.

Os bonequiños son unha maneira lúdica de descargar as nosas penas e tamén de poder falar delas porque, para que funcione, temos que contarlles iso que nos dá medo, ou que nos preocupa.

 Unha condición: o boneco ten que ser feito a man por ti ou por outra persoa. Pequeniño, para que colla ben debaixo da almofada.

No libro que che propoñemos, o protagonista, Bieito, ten medo a unha chea de cousas e vive preocupado por case todo ata que a súa avoa lle agasalla un pequeno sacapenas.

Que importante aprender que os medos non manden en nós!

Queres fabricar un? Abondará con calquera material que teñades na casa: algunha tea, un resto de la… Un fermoso (e importante) traballo para facer en familia. Aquí podedes ver algúns exemplos que fixeran os nenos e nenas do noso cole para enviárllelos aos de Gaza hai uns anos.

O libro, escrito e ilustrado por Anthony Brown, é ben fermoso. Foi publicado pola Editorial Kalandraka e seguro, seguro que o poderedes atopar na biblioteca do teu cole.
De momento podedes ver un fragmento na páxina da editorial

19.11.12

Sacapenas

Lembrades aqueles bonecos que nos puxemos a facer en familia aló polo ano 2009? Si, eses. Eran OS SACAPENAS PARA GAZA.
Desde aquela, Gaza é un puoco máis noso, algo menos lonxano. Son os nosos irmáns.
 Estes días vexo as imaxes que nos chegan dalí e ... encólleseme o corazón. Morte, medo, guerra...
Desde aquí toda a nosa calor para os nenos e nenas palestinos desexando que se agarren forte aos seus bonecos, para poder durmir.
E que quenes poden facelo, rematen dunha vez e para sempre con ese inferno.


4.6.09

Seguindo a pista ós SACAPENAS

Desde que andivemos a facer Sacapenas, cada vez que escoito falar de Gaza, non podo evitar facerme as mesmas preguntas:

¿Chegarían xa? ¿Estarán xa alá? ¿Sacarían xa algunha pena?

Hoxe foi este vídeo que ten colgado na súa páxina a Cadena Ser. Nel aparece unha entrevista con Fathy Hamad, Ministro do Interior en Gaza que me pareceu moi interesante, máis para os papás e putras persoas maiores que len este blog.

Case, case aseguro que non é só a min a quen me pasa esto co nome de Gaza, ¿a que a tí tamén? ¿a que hoxe que din os telediarios que anda Obama por alá, prestaches algo máis de atención porque che falaban dun lugar coñecido?
Así será: Gaza irá sempre nos nosos corazóns. Se aínda non estaba.

31.3.09

Os señores Omega

Tamén son coñecidos coma os Señores Dofinal.

Miradeos ben ¿A que son chulitos? Guapiños, ben peiteados e acicalados.... Así se presentaron o luns pola mañá no cole listos para marchar A GAZA!!!

-¿Como é posible que cheguen vostedes con este retraso?-preguntaron Olga e Dolores

-E que estabamos na casa de Selene acabando de alistarnos e, como ela enfermou... ¡non puidemos chegar antes!

-Ben, aínda hai tempo.(creo!)

En realidade non sabiamos se o carteiro xa viñera buscar a grande caixa que xa deixaramos lista do venres. Baixamos mirar e ¡Oh, fortuna!: aínda seguía alí.

Mabel e Olga desfixeron o empaquetado e os Señores Omega (tamén chamados Dofinal) foron acomodados na caixa entre os outros 160 viaxeiros e viaxeiras para emprender a súa aventura. Mabel acabou tan logo puido de facer o paquete. Non ben estaban os viaxeiros acabando de acomodarse e Mabel de pór o derradeiro adhesivo, cando: chegou o carteiro.

¡Uff! Por pouco perden o transporte. E dous rapaces de Gaza quedarían sen os seus Sacapenas.

Estes que con tanto cariño fixo Selene (a de 6ºB) mentres estivo enferma.

27.3.09

¡Boa viaxe!


Aló van. Camiño de Gaza. As bonecas que levan moitos bicos, como dixeron os rapaces na carta.
A proporción paréceme sorprendente: 160 bonecas de 217 escolares. Se temos en conta que, na meirande parte dos casos, se fixeron fóra do tempo escolar... ¡excelente!
Estou a escribir esto e oíndo a un parbulito que pregunta no pasillo ¿Onde están os sacapenas?.
Parei. Veño de acompañalo a ver a caixa que os leva para facer esa longuísima viaxe que esperamos remate cun final feliz e sen sobresaltos.¡Había que verlle a cara ó neno! Van a Gaza, dixo.Sen máis.
A mesa que os albergou durante todos estes día, e que medraba cada mañá, está agora valeira.
Oxalá sempre toparamos a maneira de meter a vida real na escola dun xeito tan productivo, positivo e educativo.
Felicitamos desde esta fiestra a quenes tiveron a idea e nola regalaron, de maneira que se fixo grande, compartida e aínda máis solidaria. Se cabe.

25.3.09

... un último abrazo


Antes de envialos, os parbulitos e os de 1º, danlle o último abrazo a estas marabillas que tan amorosamente fixeron en familia.
Os de 1º, foron dirixidos polas delicadas mans de Tudita, a súa profe.
Mañá avisaremos á compañía de transporte para que veñan venres recoller o envío.
Seguiremos informando.

24.3.09

... e aínda non rematamos

Grazas por tanta dedicación, por tanto mimo, por tanto traballo minucioso... Grazas.
non nos fartamos de dicilo porque estamos realmente emocionadas pola resposta dos nenos e nenas e das familias.
Emociona ver como cada día van chegando máis, cada cal máis bonito, cada cal con máis detalles...
Non están todos, pero imos deixándovos algunhas imaxes para que vaiades disfrutando ós pouquiños.

21.3.09

Sacapenas en 2º


Estes son os nenos e nenas de 2º cos seus sacapnas. As mamás esmeráronse de certo colaborando na confección dos bonecos ¿Víche des que bonitos?
Estes van sacar as penas de noite...¡e de día!
Grazas a todas por tanto esmero, tanto mimo, tanto detalle... tanto cariño.

10.3.09

Zona pechada

De novo da man de Mesturas, recibimos esta curta que nos vai axudar a entender algo máis como é a vida para calquera dos nenos e nenas a quenes lles estamos a fabricar sacapenas.
O creador é Yoni Goodman e a curta dura tan só 90 segundos.
Suficientes para entender.

5.3.09

Fabricando Sacapenas



Xa estamos en pleno proceso de fabricación. Os dos máis pequenos irán esta fin de samana para as casas para facelos en familia. Outros fanse aquí. Por exemplo os de 5ºB, de onde procede a imaxa.
Tiñades que ver a aula chea de fíos, las, telas... ¡un remexo!
Se queredes ver máis fotos, entrade no blog de

25.2.09

Sacapenas para GAZA



Pasado o antroido, xa podemos pórnos cos SACAPENAS, fermosísima iniciativa do Ceip A Rúa de Cangas do Morrazo, que a nós chegounos a través do Ceip. Quintela.

Hai un blog creado expresamente para a ocasión no que poderedes ir vendo de como avanza a iniciativa. A idea é telos feitos antes das vacacións da Semana Santa para poder envialos.

Hai uns días que incorporamos ós nosos fondos varios exemplares do libro de Anthony Browne que xa se poden usar.

Se picas sobra a imaxe do boneco poderás ver tódolos que xa están camiño de Gaza.
Ademáis, neste enlace verás un video de como se preparan para facelos ben no Segrel do Penedo
E, para saber aínda máis:
E, agora... ADIANTE!!!!!!