Amosando publicacións coa etiqueta FGCMF. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta FGCMF. Amosar todas as publicacións

26.8.10

Quérome?... Non me quero?...


A que é bonito?
Trátase do Hidria II, o único barco de vapor que queda en toda a Península Ibérica. Unha xoia.
Está en pé e funcionando grazas ó esforzo e sensibilidade dunha familia galega que cando, no verán do 97, souberon que estaba a piques de seren desguazado invertiron nel todo o seu patrimonio co fin de restauralo e devolvelo á vida.
Eran conscientes de que estaban a rescatar unha parte importante do noso patrimonio marítimo e pensaban rentabilizalo e vivir del: era a súa empresa.
E así foi, mal que ben, ate este ano no que, despois dunha extrana peripecia tiveron que emigrar a Cádiz. E alí están. Contra da súa vontade que era a de quedar en Galicia.
Unha vez máis, o desprezo do patrimonio por parte dos poderes públicos.
Ata cando?
Dexovos un enlace no que podedes ampliar información sobre o tema e outro do blog do propio barco.

A foto tomámola de AQUÍ

31.8.09

Unha tarde na Escola

A navegación en enbarcacións tradicionais é unha actividade á alza. Asociacións como ACD Dorna, poñen en valor o noso patrimonio marítimo tradicional de múltiples maneiras. Unha delas é a Escola de Navegación que desenvolve o seu labor ó longo de todo o ano pero, principalemte no verán. A Escola ten a súa sé na praia do Bao da Illa de Arousa.


Podes facer un curso durante cinco días e logo... ¡a navegar! sempre baixo a atenta supervisión dos patróns que acuden axiña ante calquera dificultade. Alumnos e alumnas de todas partes toman clases : aprenden, traballan, colaboran... ¡disfrutan!

Deixovos uns álbumes fotográficos das actividades dentro da Escola.

Unha tarde na Escola

Proxecto Relinga

A Escola ten a súa propia regata, na que este ano participaron 37 dornas:

Regata do Bao 09

Desta regata tendes unha crónica excelente no blog de Fernando Piñeiro, ex-presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial
Como dixo o Presidente da Asociación, ir ó mar supón que o resto do mundo queda en terra.
Grazas, por esas tardes de desconexión co mundo e conexión coa Natureza.
E, a quenes non coñecedes aínda ese palcer, animarvos. Todo son ventaxas. Persoais, sociais e culturais.
¡Xa veredes!

21.7.09

Punto final e agradecemento.



Remato as entradas sobre a festa que se viviu en Muros con motivo dos IX Encontros de Embarcacións Tradicionais deixándovos os enlaces ós álbumes fotográficos.
Como última reflexión gustaríame darlle o valor que ten ó traballo comunitario que fixeron os muradáns e muradanas. O traballo desenvolvido foi moito máis aló da organización dun evento. Si, foi algo máis: puxeron o corazón.
Só así se entenden eses centos de voluntarios e voluntarias colaborando coa organización, ese mimo en engalanar ruas, casas e escaparates, esa aportación colectiva do que cada quen tiña na súa casa (bonecas de cartón, máquinas de coser...) Esa idea de colectivo e de traballo comunitario que cando se dá multiplica os esforzos individuais e engrandece ós protagonistas e cando non se dá...
Eran conscientes de que estaban a ser observados por miles de ollos que, en moitos casos, ollaban por vez primeira a vila. E querían que o efecto fora a FASCINACIÓN.
Obxectivo conseguido. Moitos de nós volveremos a Muros e miraremos con ollos de respecto e cariño á vila e ós seus habitantes que teñen de sí mesmos e da súa cultura un alto concepto.
Por todo elo:

GRAZAS, Muros.

Muros I
Muros 2
Muros, a vila
Ceremonia inaugural

10.7.09

Muros, 2009


Xa vos falei de que estes días ando por Muros no IX Encontro de embarcacións tradicionais.
Vouvos deixar información por se vos queredes achegar por aquí:

Xa o dixen nalgunha ocasión:

quen esquece as súas raíces nunca poderá medrar dereito.

E así o creo.

As raíces da Galicia costeria son mariñeiras, están no mar. O mar que dá de comer, o mar do traballo, o mar que organiza a vida en torno a el. Arredor do mar hai toda unha cultura de labores, de comidas de construcción naval.... mesmo de cancións, de cultos, de ritos... Moitas comunidades e persoas gardan ese saber sen ser conscientes de que están a facer algo valioso: gárdano porque é seu. E outos gárdano, practícano e consérvano na consciencia dos riscos que corre.

Hoxe máis que nunca, a globalización pode pór en risco a conservación destes modos de entender a vida. Pero a globalización, ben entendida, tamén pode valer para o contrario.

Aquí hai portugueses, vascos, franceses, cataláns, andaluces, murcianos e xentes de toda Galicia: de Ferrol a Bueu, pasando por Chantada.... cada quen cos seus barcos e as súas tradicións. Compartindo, mostrando, aprendendo, ¡medrando!

Xa vos deixarei algunhas fotos destes Encontros. De momento: todo ben.

26.12.08

A Memoria do Mar


Estes días, que andamos on máis tempo libre podemos achegarnos ata o Museo do Mar de Galicia para ver a exposición fotográfica A Memoria do Mar.

Trátase dun traballo de recuperación de imaxes realcionadas co mar e procedentes de coleccións familiares (máis de 200 doantes).
Persoal do Museo percorreu 25 vilas mariñeiras de Galicia a través das confrarías de pescadores solicitando a colaboración dos veciños e veciñas que tiveran imaxes relacionadas co mar. Deste xeito escaneáronse máis de 4000 imaxes das que case 150 forman a esposición.

Foi inaugurada o pasado 22 de Decembro e pódese visitar en Vigo ata o 1 de Febreiro. Logo, percorrerá diversas confrarías.

A páxina, que aínda non é definitiva, conta cun buscador.

Para saber máis podedes ir á páxina de Federación Galega pola cultura marítima e fluvial, vía pola que nos chegou a nova.

13.8.08

Brest-08


(Preme sobre o álbum para velo máis grande)

Entre o 10 e o 17 de Xullo tivo lugar en Brest (Bretaña Francesa)o Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais que se celebra nesa cidade cada catro anos.
Nesta ocasión había cinco países invitados: Noruega, Vietnam, Croacia, Madagascar e Galicia.

10 días, 2.000 barcos, 20.000 visitantes, 6.000 voluntarios... son cifras que dan unha idea da magnitude do Encontro.

Brest é unha cidade do tamaño da Coruña con sete kilómetros de porto que foi totalmente pechado durante eses días de maneira que estaba á completa disposición da Organización, os visitantes e... os barcos. A entrada ó recinto custaba 13 euros.

A Delegación de Galicia ou marea azul, como nos coñecían os franceses, deixou o pabillón da navegación tradicional moi alto: dornas, traíñas, botes xeiteiros, de Cesantes, de Ribadeo, barcos de río.... ¡daba xenio velos saír ó mar! E non digo nada da emoción de velos izar velas cada noite no peirao.

O Village de Galicia ocupaba o lugar central do Encontro co que fomos moi visitados con auténtico interés por xentes procedentes de diferentes lugares do mundo e que facían as preguntas mais variadas sobre a construcción naval tradicional e as técnicas de navegación. Cada día chegaba a Brest o AVE (eles sí o teñen!) procedente de París traendo centos de persoas que viñan co único motivo de ver .... BARCOS, nun exercicio de respeto pola cultura tradicional que era verdadeiramente emocionante.

Os navegantes galegos, agrupados na FGCMF, xa tiñan estado en Brest e Douarnenez... en diferentes Encontros e foi o seu prestíxio quen granxeou esta distinción coma país convidado. Pero nunca ata agora foran representando a Galicia dun xeito oficial co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura. A Conselleira acompañounos o Día de Galicia (o 16 de Xullo) e a Secretaria Xeral para o Deporte xunto coa Delegada Procincial da Consellería para a Coruña permaneceron alí toda a Festa encabezando a Delegación Galega.

Conviría pensar se este saber e este patrimonio é susceptible de seren transmitido e ensinado ós máis novos. En caso firmativo hai que se pór mans á obra ou ... unha vez máis chegaremos demasiado tarde.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial ofrece información e ligazóns para todos aqueles que queiran achegar se ó coñecemento e disfrute do noso patrimonio marítimo. Informa, asemade, das diferentes Asociacións e Clubes que, espallados por todo o país, desenvolven actuacións a prol da cultura marítima e fluvial.

Aí queda unha pequena reportaxe de algúns momentos vividos en Brest: a carga dos barcos, as asambleas organizativas, as foliadas con Treixadura e Leilía, a celebración do Día de Galicia, os convites ós villages de Madagascar,de Croacia,de Noruega... o Hidria (unha xoia de vapor de 42 anos de idade e 30 metros de eslora), a construcción da Javiota... e ¡os barcos!

¡Saúde e bos ventos!