14.3.25

Semana da Muller 2025

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Na nosa Semana da Muller 2025 realizamos un mural de centro, Elas... c@ntan!, para homenaxear a todas as mulleres que abriron camiño a moitas outras na conservación da nosa tradición oral e cultural. 

Todas as aulas realizaron as biografías de diversas mulleres bergantiñás relacionadas coa poesía popular oral e a música tradicional, poderosas ferramentas na mellora do noso benestar persoal e social:

  • Teresa dos Cucos de 2ºB-3º de primaria
  • Mª Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, de 4º de primaria

Un trimestre no que contamos con visitas moi especiais, na biblioteca ou nas aulas, para informarnos, realizar entrevistas, contar, cantar... e así desenvolver as diversas biografías.

Parabéns a tod@s polos valiosos produtos finais e feliz Día da Muller, hoxe e todo os días do ano!

13.3.25

Encontro con Sabela Fernández

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe, o alumnado de 5º de primaria asistiu ao Encontro con Sabela Fernández Trelles, autora de A miña avoa, a miña heroína.

O exemplar, que forma parte dos títulos do Plan Lector 2024-25, reflicte os medos de Laura e a tan necesaria rede de apoio na que a súa avoa é a súa heroína. Un relato altamente emotivo no que algunha das alumnas lectoras se viron reflectidas.

Sabela dinamizou o encontro con diversos materiais cos que foi dando tratamento aos puntos clave da súa aventura literaria, fantástica ou real foi unha das preguntas, a que a autora respondeu que algo de realidade persoal tamén había na historia.

Agradecemos a editorial Xerais a posibilidade de contar con Sabela Fernández, e a escritora por regalarnos un relato tan noso: as nosas raíces, as relacións familiares, o benestar emocional...

O encontro pechouse coa entrega dun pequeno agasallo para que recorde este primeiro encontro na biblioteca do noso cole, así como coa sinatura de libros da que recollemos a seguinte frase de Sabela:

Vive e soña sen medo!

Grazas Sabela, esperamos novas aventuras literarias para volver... encontrarnos, emocionarnos!

11.3.25

Charo Pita na Semana da Muller 2025

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Conmemoramos a Semana da Muller 2025 coa visita de Charo Pita, que encantou a pequen@s e maiores de Educación Infantil, 1º, 2º e 3º de primaria.

A animación á lectura de Charo xirou ao redor de diversas Mulleres intrépidas e verdadeiras como Mary Kingsley, así como @s cativiñ@s do Milladoiro se recrearon cos seus monicreques e contos cantados.

Ao tempo, narrou un exemplar da súa autoría, Valentina Nunca Calas e o Monstro da Media cara, no que a valentía de Valentina fai minguar o Monstro da Media cara. 

Unha experiencia de narración oral do máis divertida!

2.3.25

Entroido 2025

 

Este ano festexamos "Un entroido do máis natural" co deseño de disfraces acorde ao PDI deste curso, "Medicus curat natura sanat". Deste xeito, os alumnos e alumnas foron de insectos, animais exóticos, flores, ovellas...Podedes ver todas as fotos da xornada premendo no seguinte enlace: Entroido 2025.

23.2.25

Día de Rosalía de Castro 2025

Como cada curso escolar, conmemoramos o Día de Rosalía de Castro seguindo o lema da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Destacamos a recolleita de poesía popular oral, grazas á colaboración das familias, que permitiu que cada aula gravara en Radio Balea diversas coplas, as cales tamén se recollen nas plantillas das pandeiretas que compoñen o mural adicado a Rosalía de Castro, "Saúde e Terra!".


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Hoxe, e todos os días do ano...

SAÚDE E TERRA!

FELIZ DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO!

21.2.25

Encontro con Lupe Blanco

Todas as aulas de primaria mantiveron un encontro con Lupe Blanco, grazas a cal se achegaron a poesía popular oral e crearon coplas para o noso entroido: un entroido... do máis natural!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Una xornada divertida e creativa, na cal cada aula, coa axuda de Lupe Blanco, foi creando unha copla adicada ao seu disfraz.

As coplas finais podedes escoitalas premendo no seguinte podcast, grazas a colaboración de: Candela, Clara, Dania, Noela e Marco G. (voces) e a mestra Susana (pandeireta):

Agradecemos a Lupe a súa dispoñibilidade e bo facer, nunha xornada na que a poesía popular oral foi a protagonista para achegar a comunidade as nosas tradicións e valorar a nosa lingua nai, nun día coma hoxe no que conmemoramos o Día da Lingua Materna.

18.2.25

Encontro con Icía e Xosé Manuel Varela

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de 5º e 6º de primaria mantivo un encontro cos autores de "Cantareiras", Icía e Xosé Manuel Varela.

Un libro no que fan un percorrido polo legado da música e a poesía popular: Pandereteiras de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás; mulleres homenaxeadas o Día das Letras Galegas 2025.


Pecharon o encontro cantando e tocando, para celebrar a nosa rica tradición oral: patrimonio inmaterial que debemos conservar e preservar; así como realizando unha entrevista en Radio Balea, polo alumnado de 5º de primaria, que a continuación podedes escoitar:

Agradecemos a Icía e Xosé Manuel a súa dispoñibilidade para vir a presentarnos o seu libro, que xa forma parte do catálogo da nosa biblio, con dedicatoria incluída.

.

13.2.25

Día Mundial da Radio 2025

Hoxe conmemoramos o Día Mundial da Radio 2025 e, como cada ano, unímonos á proposta de Ponte nas... Ondas! e Rede Espora, grazas ao fantástico podcast creado polos biblioaxudantes de Radio na Biblio de 5º de primaria.

Premendo no seguinte enlace, poderedes ler a publicación realizada no blog do 3º ciclo e escoitar o seu previsor e imaxinativo podcast gravado en Radio Balea:

Parabéns polo fantástico traballo e feliz Día da Radio, hoxe e todos os días do ano!

 

5.2.25

Exposición 2º trimestre: conmemorando!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Os libros seguen acompañándonos no 2º trimestre para lembrar, conmemorar, ensinar, sensibilizar...

Exemplares que atenden a proposta de actividades do trimestre e facilitan o desenvolvemento das mesmas. 

Seguimos... necesitando libros para investigar, divertirnos, emocionarnos!

Continuamos... mans aos libros!


31.1.25

Retos pola Paz!

Retos pola Paz_2024-25 de bibliotecamilladoiro, presentación de E.I. a modo de exemplo.

Conmemorando o Día Escolar da Non Violencia e a Paz e seguindo a proposta de actividades do PDI de centro, cada aula desenvolveu os retos pola Paz, tal e como se recolle nos blogs de ciclo e aos que podedes acceder premendo en cada enlace:

Retos cumpridos, parabéns!

Xornada de portas abertas 2025

Un curso máis, abrimos as portas do CEIP Milladoiro para recibir a nen@s e familias que queiran formar parte da nosa comunidade educativa o vindeiro curso 2025-26.

A visita para coñecer o centro e as súas instalacións está programada para o xoves 27 de febreiro ás 16:15 horas, sen necesidade de concertar cita previa.

Na imaxe podedes acceder a máis información, do que somos e facemos no Milladoiro, premendo nos textos sinalizados coa icona dunha man interactiva.

Calquera dúbida, contactade mediante o teléfono ou o correo que aparece na imaxe.

30.1.25

Leo le... Banda Deseñada!

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos a exposición Leo le... Banda Deseñada!, coincidindo co Día da Ilustración 2025 que se celebra cada 30 de xaneiro, data de nacemento de Castelao.

Unha exposición que, curso tras curso, é moi valorado: a ilustración como papel relevante acompañada de texto ou non, para todas as idades.

Longa vida a Banda Deseñada ou cómic, e feliz Día da Ilustración, hoxe e todos os días do ano!

13.1.25

FAMILIAS (in)FORMÁNDOSE: convivencia

Iniciamos o 2º trimestre coa formación impartida a familias ao redor da convivencia.

O vindeiro luns 20 de xaneiro, na nosa biblio, esperamos contar coas familias, que teñan dispoñibilidade, para seguir formándonos en comunidade da man de Tamara Rodríguez e dentro do Plan de Formación 2024-25

Unha oportunidade de formarción impartida por unha profesional que nos axudará a medrar persoal e socialmente.

20.12.24

Bo Nadal e Feliz 2025!

Bo Nadal e Feliz 2025 de bibliotecamilladoiro

No día de hoxe, último día lectivo do trimestre, celebramos a chegada do Nadal practicando as 12 badaladas e visualizando as diversas postais remitidas polos grupos-aula a diferentes entidades, tal e como podedes ver premendo nos seguintes enlaces aos blogs de ciclo:


Pechamos a xornada con teatro, "Maruxiña" de Aurora Artes Escénicas, e entrega das cartas ao Carteiro Real grazas á colaboración da ANPA Ventorrillo e ao Concello de Malpica.
Bo Nadal e Feliz Aninovo 2025 a tod@s!

19.12.24

Educa-tribo aulas: Nadal en familia!

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do mes de decembro e grazas á colaboración das familias, as aulas desenvolveron diversos educa-tribo para celebrar a chegada do Nadal... en familia!

Nos diversos blogs de ciclo aparecen os educa-tribo implementados, creatividade en acción: adornos, sobres, postais, pompóns, galletas, minilibros e ata teatro na biblio.

Agradecid@s a todas as familias colaboradoras: educa... a tribo enteira!

18.12.24

Guía de Nadal 2024

Guía de Nadal 2024_BE Milladoiro de Fátima Romero Olveira

Chega a guía de Nadal 2024: libros que acubillan, abrigan e amantan!

Unha guía que acolle libros para rir, sentir, pensar, informarse, formarse, vivir, soñar...; destacando a selección de teatro para tod@s.

Tríptico que se repartirá o último día lectivo do trimestre a tod@s, para ter a man e acertar, seguro, na compra de regalos este Nadal ou... calquera día do ano!

E moitos máis regalos... na nosa exposición de Nadal! Premer na seguinte imaxe para ver o álbum de fotos:

12.12.24

Premio do Concello: Nadal 2024


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O premio do Concurso Escolar de Debuxo e Pintura de Nadal do Concello de Malpica foi para @s máis cativiñ@s do Milladoiro: a aula de 4º de educación infantil.

O debuxo lucirá na pantalla dixital do Concello para felicitar o Nadal a tod@s. Encantad@s recibiron, da man do Sr. Alcalde acompañado da Concelleira de Cultura e Educación do Concello, os agasallos.

Parabéns a tod@s @s premiad@s!

26.11.24

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos, que se irá incrementando

Ao longo do mes de novembro, seguindo a proposta de actividades en relación co PDI, todos os grupos-aula integraron nas súas programacións a experimentación, en galego, en relación co PDI e con contidos diversos: densidades, estados da materia, mesturas, enerxía, forzas, tecnoloxía...

Pechamos o mes visitando as exposicións de cada aula para experimentar e compartir aprendizaxes: a nosa escola bibliotecaria é... un gran laboratorio!

A ciencia na nosa lingua, en todas as linguas, para chegar ao coñecemento... este mes e todos os meses do ano!

25.11.24

Receitas VIO polo 25N

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Conmemoramos o 25N receitando lecturas de vida: lecturas que educan e conciencian. Unha actividade que iniciamos o pasado curso, dentro do PDI que nos ocupa, e completamos no presente curso: receitas VIO que se complementan experimentando coa luz UV para descubrir palabras a valorar, para reflexionar.

No día de hoxe, grazas á mestra Carmen, de Música e Danza, e ao alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria tod@s escoitamos e cantamos na biblio: "Son Muller" de MBCP; tal e como podedes ver no seguinte vídeo.


Oxalá algún día non teñamos que "conmemorar"/recordar que a violencia de xénero segue a ser unha realidade e que a educación é a mellor ferramenta para loitar por unha igualdade real na que TODAS e todos teñamos os mesmos dereitos e deberes. Nós, aportamos o noso gran de area, curso tras curso, para visibilizar e educar en igualdade.

22.11.24

Do Milladoiro a Albacete: XII Jornada de bibliotecas escolares y proyectos de lectura

BE-Leolab y su visión 3C: Comunicación, Ciencia y Creatividad de Fátima Romero Olveira

O pasado 20 de novembro asistimos á XII Jornada de bibliotecas escolares y proyectos de lectura que se celebrou en Albacete.

Unha xornada á que fomos invitad@s para falar sobre a nosa escola bibliotecaria: CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños, unha escola pública e rural que, en comunidade e con identidade, persegue, curso tras curso, a mellora da calidade educativa ao abeiro da súa BE-LeoLab.

Un pracer compartir experiencias educativas con compañeir@s de Albacete que uniron forzas, bibliotecas escolares e bibliotecas públicas, para facilitar formación de calidade a mestras/es, bibliotecari@s... Formación que, en Galicia, é unha realidade desde hai máis de 15 anos coas Xornadas e Encontros desenvoltos pola Asesoría BEGA.

Agradecid@s de que tiveran en conta o noso proxecto de escola bibliotecaria, só nos queda dicir que seguimos traballando con corazón, responsabilidade e humildade por e para unha educación inclusiva, equitativa e de calidade (obxectivo 4 da Axenda 2030)