Cada 20 de novembro celebramos o Día Universal da Infancia e no noso centro quixemos vivilo de forma próxima, partindo do que de verdade significa para nós. A proposta foi sinxela e directa: a cada aula tocoulle un dereito distinto e cada clase plasmouno nun único cartón segundo o que ese dereito representa para o grupo.
Nas aulas xurdiron conversas moi sinceras. Falamos do dereito a xogar e a ter tempo libre, a ser escoitados e a que a nosa opinión conte, a recibir unha educación de calidade, a vivir protexidos ou a sentirnos acompañados e respectados tal e como somos.
Non se trataba de repetir definicións nin de facer un traballo mecánico, senón de parar a pensar xuntos en que quere dicir ese dereito no noso día a día, na aula ou no patio, e traducilo nunha soa imaxe ou idea compartida. Xuntar eses folios cartóns permitiu ver como se entenden e se senten os dereitos da infancia desde distintas idades e miradas.
Ao final, o valioso non foi só o resultado no papel, senón a conversa que houbo detrás e a sensación de que os dereitos da infancia están vivos cando se fan propios. Moitas grazas a todas as aulas por sumarse e compartilo.


Ningún comentario:
Publicar un comentario