15.3.13

O mar e a memoria


Este sábado terá lugar un importante acto que, en realidade son dous: Primeiro, ás 12 do día, no momento en que o mercado de abastos está máis concurrido, inauguraráse a exposición fotográfica que leva este título e que recolle parte da memoria fotográfica de Malpica relacionada co mar. Este traballo impagable, débese ao labor de búsqueda e catalogación feito polo profesor Xurxo Alfeirán a comezos dos anos 80, que el desinteresadamente regalou ao Concello de Malpica e forma parte do arquivo municipal co nome de Malpica en fotos.
 Máis tarde, o profesor Alfeirán continuou a completar ese traballo. Mañá, polo tanto, veremos imaxes que estaban inéditas ata o momento.  El mesmo é o comisario da exposición.

Este trabllo concienzudo e valiosísimo, complétase co libro do investigador Fco. Xavier Redondo Aval (Pontevedra, 1964), titulado O mar e a memoria: o expediente Armesto.
A presentación do libro terá lugar ás 5 da tarde na sala de xuntas da Confraría de Pescadores de Malpica coa participación do propio autor así coma de Pancho Pillado coma director da Editorial Laiovento .

A continuación terá lugar o visionado e tertulia sobre fotografía histórica conducida polo comisario da exposición, o xa mencionado profesor Xurxo Alfeirán.

Saudamos este traballo con alegría pois sabémonos infinitamente pequenos no mapa do mundo pero, aínda así, temos unha historia como pobo que debemos conservar e transmitir ás xeracíons que nos seguen.
Este libro recolle unha pequena parte dela. Unha parte que xa non será preciso andar a pescudar: témola.
Polo que extendemos o noso agradecemento á editorial e ao investigador.

Ningún comentario: