11.11.24

Leo le... NOVIDADES!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un curso máis, ampliamos os nosos fondos con exemplares de recente publicación e mercados, maioritariamente, na nosa libraría de cercanía. Libraría a que queremos felicitar, ao igual que o resto de librarías, que hoxe están de celebración:

Autora do cartel: Helena Pallarés

Que sería de nós sen as librarías, espazos que nos achegan grandes regalos en forma de emocionantes lecturas e moita cultura. Que sigan medrando!

Ao tempo, recordar que as nosas novidades tamén seguirán medrando ao longo do curso, segundo as vaiamos catalogando; así que non deixedes de visitar o expositor de novas lecturas para lectores/as diversos/as.

7.11.24

Biblio creativa con... Anxo Fariña!

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos, que inclúe vídeo

No día de hoxe, visitounos Anxo Fariña para desenvolver a formación de biblioteca creativa:

  • "Divermonstros" foi o obradoiro dirixido ao alumnado de 6º de educación infantil, 1º, 2º e 3º de primaria. Pasárono... de medo!
  • "Cidade Violeta" foi o obradoiro dirixido ao alumnado de 4º e 5º de educación primaria. Creando e concienciando.
  • "Ilustración" foi o obradoiro dirixido ao alumnado de 6º de educación primaria. Técnicas e pequenos trucos para ser grandes ilustradores/as.
Agradecemos a Anxo o seu bo facer e o lote de libros que nos deixou a modo de agasallo para ampliar os nosos fondos; así como as súas ilustracións e dedicatorias.


Todo un éxito contar con profesionais tan expertos coma Anxo Fariña. Moita aprendizaxe creativa e divertida, repetiremos!

30.10.24

XV Lecturas Terroríficas na biblio

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un curso máis festexamos a chegada do Samaín desenvolvendo na nosa biblio as XV Lecturas Terroríficas.

Todas as aulas representaron, dramatizaron..., tendo en conta o lema da Asesoría BEGA para o presente curso: Biblioteca escolar, a escena!

O teatro, inspirado por obras alleas ou de produción propia, foi protagonista dunha semana na que hai que felicitar a tod@s polo esforzo e motivación amosado na variedade de actuacións, as cales se irán publicando nos blogs de cada ciclo. 

Pasámolo... de medo!

Feliz Samaín a tod@s.

Cabazas... do máis natural!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O Samaín... xa está aquí!

A nosa tradicional exposición de cabazas creadas en familia, un curso máis, está adicada ao PDI que nos ocupa: "Cabazas... do máis natural!"

A creatividade de nen@s e familias non deixa de sorprendernos: animais, bosques, plantas... e ata un personaxe de conto (Naturizo, o porco espiño amigo de Leo)

Parabéns a tod@s!

24.10.24

Día das Bibliotecas 2024: BE-LeoLab Milladoiro

Conmemoramos o Día das Bibliotecas co mural "Elas escriben... Teatro en Galego" para pór en práctica a formación de usuari@s e con este vídeo-resumo do inicio do curso na nosa Biblioteca Escolar-LeoLab Milladoiro.

Os recreos na biblio-leolab, o labor solidario de voluntari@s biblioaxudantes de 6º de primaria ou as diversas exposicións son protagonistas no día de hoxe,

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos
que se irá incrementando ao longo do curso

Ao lema do Día das Bibliotecas, Por un futuro sostible, só queremos engadir...

No que nunca nos falten...
as bibliotecas!

18.10.24

ELAS ESCRIBEN... TEATRO EN GALEGO!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos o mural que preside o corredor do 1º andar para desenvolver a Formación de Usuari@s e conmemorar o Día das Escritoras e o Día das Bibliotecas.

Un mural adicado ás Escritoras de Teatro en Galego, en relación coa temática elexida pola Asesoría BEGA para o presente curso: "Biblioteca escolar, a escena!".

Os grupos-aula deben ir superando os biblio-retos que se recollen no caderno-informe que facilitamos e buscar na exposición central o exemplar correspondente a cada escritora, tendo en conta a sinatura que a acompaña, para colocar a cuberta do libro no sitio correspondente ata completar o mural.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un tempo para pór en valor ás escritoras de Teatro en Galego e ser competentes no uso da nosa biblio.

14.10.24

Percega: "Aventuras Atlánticas"


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe, da man de Modesto, o alumnado de 2º, 3º, 4º e 5º de primaria coñeceron o proxecto de Percega: concienciar sobre a importancia de vivir, traballar, emprender, innovar e coidar o concello no que vivimos; así como a posta en valor dos oficios relacionados co mar.

O alumnado recibiu en forma de agasallo cadanseu exemplar de "Aventuras Atlánticas". Ao tempo, o panel informativo permanecerá temporalmente no corredor do 1º andar, por se algún grupo-aula quere profundizar no proxecto.

Unha xornada para concienciar, valorar e seguir coidando o medio no que vivimos.

7.10.24

Proposta de actividades 2024-25

 

Premer na imaxe para acceder ao documento

Presentamos a proposta de actividades para o curso que nos ocupa. Unha proposta que recolle actividades anuais e trimestrais, entre as cales destacamos as propostas de cada ciclo en relación con conmemoracións varias.

Actividades como os nosos Laboratorios de Aprendizaxe, nos que o uso de espazos e recursos creativos da Biblioteca Escolar-LeoLab son un privilexio ao que non podemos renunciar: metodoloxías activas nas que o alumnado é protagonista das súas aprendizaxes.

Ao tempo, a proposta acolle actividades sistematizadas e que nos son propias: dinamizando a lingua, animando á lectura, á escritura, a creación de producións propias e facilitando/favorecendo o coñecemento e uso dos fondos da nosa biblio (novidades, teatro, banda deseñada, ensino...), entre outras.

Avante toda e... a seguir lendo, informándonos e aprendendo!



27.9.24

Concello de Malpica: escolas culturais e deportivas

                            
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Esta semana, da man de Mario e Mar, @s nen@s puideron coñecer algunhas das actividades que oferta o Concello de Malpica nas súas escolas culturais e escolas deportivas.

O luns coñeceron a "Animación teatral", dentro das escolas culturais, como medio para o traballo en equipo e desenvolvemento de habilidades persoais e sociais, entre outras. O xogo principal recurso para expresar, representar, emocionar...: o teatro como fonte de benestar emocional.

O mércores coñeceron "Judo", dentro das escolas deportivas, como medio de benestar físico. O xogo tamén é recurso para medrar sans e fortes.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecer a Mario e Mar o seu bo facer e desexarlles un curso cargado de aprendizaxes emocionais e físicas.

17.9.24

Micoloxía con AMABUL

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Iniciamos o curso cun obradoiro de educación ambiental da man da Asociación AMABUL e a súa exposición "Wood Wide Web"

Coñecemos, mediante 16 paneis e posteriores xogos, a necesidade de valorar a natureza, concretamente do piar fundamental que supoñen os cogomelos para o benestar dos nosos ecosistemas e, por tanto, da nosa saúde. Un repaso polos hábitats, cores e formas da gran riqueza micolóxica que debemos respectar e conservar. 

Agradecemos o agasallo, en forma de unidade didáctica-ambiental, e continuamos querendo respectar e coidar o medio, gozar del como fonte de saúde e benestar persoal e social, seguindo o PDI que nos ocupa.

12.9.24

Plan Lector Anual 2024-25

 
Premer na imaxe para acceder ao documento

Iniciamos nova singradura, curso 2024-25, dando continuidade ao Proxecto Documental Integrado "Medicus curat natura sanat" e as actividades de biblioteca que serán integradas nas Programacións Didácticas de aula mediante o Plan Lector Anual.

Un plan que dá continuidade ao que somos e facemos no CEIP Milladoiro: lectura, información e aprendizaxe. Ao tempo, inclúe os diversos itinerarios lectores para ir incrementando a biblioteca propia e persoal do alumnado de educación primaria e que podedes ver premendo na seguinte imaxe:

A nosa BE-LeoLab favorece e facilita metodoloxías activas nas que o alumnado é protagonista das súas aprendizaxes, e só mediante a responsabilidade individual e as accións colectivas (familias, profesorado, comunidade...) podemos ofrecer unha educación de calidade, acorde ao tempo no que vivimos: unha escola bibliotecaria con corazón, un cole que facilita aprendizaxes de vida e para a vida.

Viñeta de Xosé Tomás en www.nosdiario.gal

Bo inicio de curso a tod@s!

21.6.24

Fin de curso 2023-24

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

E chegamos ao fin do curso 2023-24. Un curso de aprendizaxes vívidas e construtivas que compartimos, abrindo as portas do cole a tod@s, celebrando o Día da Familia.

Ao tempo, o alumnado de 6º de infantil e 6º de primaria celebraron as súas graduacións: entrega de diplomas, orlas, agasallos... Desexámoslles o mellor na nova travesía que iniciarán o vindeiro curso: en primaria e en secundaria.

Feliz verán a tod@s!

"Galicia Elemental"

Presentamos, en primicia, o videoclip da canción de produción propia "Galicia Elemental". Canción interpretada polo grupo "Musicadoiro" baixo a coordinación do mestre de Música e Danza, Keko.

Un produto final, en relación co PDI que nos ocupa, que pasa a formar parte da nosa historia escolar: valorando o noso medio, coidando del, como fonte de benestar persoal e social.

Malpica, terra de vida!

20.6.24

Xornada de Convivencia 2023-24

 Xornada de Convivencia
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe, organizada polo Concello de Malpica para os colexios do municipio, nen@s gozaron coa Xornada de Convivencia: hinchables, manualidades e ata vehículos a pedais.

Agradecemos ao Concello, un curso máis, o convite a compartir unha xornada de diversión con amig@s.

19.6.24

IV Feira LeoLab

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe celebramos a IV Feira LeoLab realizando diversidade de actividades, grazas aos privilexiados espazos e recursos creativos cos que contamos.

Actividades que se realizaron por grupos internivel ata completar o Pasaporte LeoLab, unha xornada desenvolvendo robótica, makey-makey, scratch, pensamento computacional, oralidade, creatividade, producións sonoras...

Achegamos, en formato vídeo, unha escolma das producións propias creadas con moita imaxinación e recursos lúdicos e dixitais na actividade realizada na biblio: "Contamos?"

O vindeiro curso máis actividades creativas para tod@s.

18.6.24

Xornada de Xogos de mesa


O pasado venres o alumnado de 1º, 2º e 3º de E.P. disfrutou dunha xornada de xogos de mesa, na que o alumnado de 6º E.P. encargouse de dirixir os diferentes xogos e así competiron nas serpes e escaleiras, no uno, no rei dos dados, o gelato, o bingo... Moitos destes xogos foron mercados gracias ao plan de formación do profesorado. Podedes ver todas as fotos premendo no seguinte enlace: xogos de mesa.
 

11.6.24

Obradoiro de Animación Teatral do Concello

 

No día de hoxe asistimos a estrea das dúas funcións, "A porta misteriosa" e "Coco´s Family", protagonizada polo alumnado do noso cole e do instituto, que ao longo do curso escolar asistiu ao Obradoiro de Animación Teatral que ofertou o Concello de Malpica dentro do seu programa de Escolas Culturais.

Mario, responsable da actividade, animou a todas e todos a formar parte do Obradoiro o vindeiro curso escolar, destacando o desenvolvemento de múltiples habilidades que ofrece o teatro (escoita, memoria, concentración...), ademais do traballo en equipo, a imaxinación, a empatía, a autoestima e a confianza nun mesmo.

O vindeiro venres 14 de xuño, ás 20:00 horas, realizarán novamente as dúas funcións no Centro Cívico, as cales estamos todas e todos invitados, como clausura do Obradoiro de Animación Teatral 2023-24.

Só nos queda dicir... PARABÉNS, grandes actrices e actores!

10.6.24

Despedindo o curso: "Día da Familia"


O venres 21 de xuño, último día lectivo do curso 2023-24, invitamos a comunidade á Xornada de Portas Abertas para compartir xogos populares, en familia, e actividades creativas nos postos dos nosos Laboratorios de Aprendizaxe: produtos finais da implementación dos mesmos ao longo do curso e variedade de actividades e recursos creativos.

Se hai dispoñibilidade, non dubidedes en compartir a xornada c@s vos@s fill@s para despedir un curso de aprendizaxes vívidas e construtivas.

5.6.24

Día do Medio Ambiente: retallos naturais

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, publicamos os retallos naturais que cada grupo-aula foi ideando nas últimas semanas, partindo da proposta de actividades trimestrais.

Un retallo natural no que, ademais de materiais varios, unha frase-lema e un circuíto eléctrico enriquecen a produción propia. 

O e-textil ou textiles electrónicos son tecidos nos que se inclúen elementos electrónicos como: leds e baterías (portapilas)

Pechamos o PDI, por este curso, cos retallos que pasan a formar parte da nosa escola e nos invitan a reflexionar con frases-lema como:

COIDA O PLANETA, É O ÚNICO QUE TEMOS!

APAGA! CONECTA COA NATUREZA.

REVOLUCIÓN POR UN MUNDO MELLOR!