31.3.09

Día da poesía. Epílogo

O pasado venres puxemos, oficialmente, punto final á Semana da Poesía cunha lectura colectiva por parte dos nenos e nenas de 2º do conto Carlota a marmota.

Lembrades que o lema era:

¿Un problema?...¡Un poema!

Ben. A lectura non puido ser máis acaída: o conto narra o que lle acontece a Carlota cando se lle presenta o tremendo problema de que non consegue durmir. E está marabillosamente contado en forma de poesía por Miro Villar e ilustrado por Enjamio.

Disfrutamos moitísimo coa lectura e, esperamos que a profe Laura e os seus alumnos e alumnas nos volvan preparar momentos tan bonitos...¡máis veces!


Dicía eu aquelo de oficialmente porque por aquí non deixan de viaxar poemas e cartolinas de cores, e nenos e nenas preguntando se hai un poema para eles/as... ¡en fin! que parece que a poesía está a valer para comunicarse e pasalo ben.

Mario Netto

O pasado xoves visitounos Mario Netto da man do Consorcio Editorial para contarlles contos ós pequenos de Infantil e 1º ciclo.
Pasárono xenial toda a mañá escoitando as historias de Mario, que viña acompañado polo seu amigo o ratiño....¡Uhmmm! teremos que preguntarlle a Lino como se chamaba porque eu xa non me lembro e, como vedes eles fixéronse moi, moi amigos.
¡Ata outra vez, Mario!

Os señores Omega

Tamén son coñecidos coma os Señores Dofinal.

Miradeos ben ¿A que son chulitos? Guapiños, ben peiteados e acicalados.... Así se presentaron o luns pola mañá no cole listos para marchar A GAZA!!!

-¿Como é posible que cheguen vostedes con este retraso?-preguntaron Olga e Dolores

-E que estabamos na casa de Selene acabando de alistarnos e, como ela enfermou... ¡non puidemos chegar antes!

-Ben, aínda hai tempo.(creo!)

En realidade non sabiamos se o carteiro xa viñera buscar a grande caixa que xa deixaramos lista do venres. Baixamos mirar e ¡Oh, fortuna!: aínda seguía alí.

Mabel e Olga desfixeron o empaquetado e os Señores Omega (tamén chamados Dofinal) foron acomodados na caixa entre os outros 160 viaxeiros e viaxeiras para emprender a súa aventura. Mabel acabou tan logo puido de facer o paquete. Non ben estaban os viaxeiros acabando de acomodarse e Mabel de pór o derradeiro adhesivo, cando: chegou o carteiro.

¡Uff! Por pouco perden o transporte. E dous rapaces de Gaza quedarían sen os seus Sacapenas.

Estes que con tanto cariño fixo Selene (a de 6ºB) mentres estivo enferma.

Día do Libro Infantil


Celébraráse o 2 de Maio coma cada ano dende 1967, por iniciativa do IBBY. O día foi escollido por ser o do nacemento de Hans Christian Andersen.
Cada ano encárgaselle a un pais facer o cartel promocional e a mensaxe oficial. Este ano tocoulle a Exipto, na persoa de Hani D. El-Masri

Como actividade, propoñévosvos esta miniquest feita polas compañeiras do Ceip.Quintela de Moaña, dirixida ós escolares do 2º e 3º ciclos:


Tamén na Raioteca toparedes un xogo moi divertido.


27.3.09

¡Boa viaxe!


Aló van. Camiño de Gaza. As bonecas que levan moitos bicos, como dixeron os rapaces na carta.
A proporción paréceme sorprendente: 160 bonecas de 217 escolares. Se temos en conta que, na meirande parte dos casos, se fixeron fóra do tempo escolar... ¡excelente!
Estou a escribir esto e oíndo a un parbulito que pregunta no pasillo ¿Onde están os sacapenas?.
Parei. Veño de acompañalo a ver a caixa que os leva para facer esa longuísima viaxe que esperamos remate cun final feliz e sen sobresaltos.¡Había que verlle a cara ó neno! Van a Gaza, dixo.Sen máis.
A mesa que os albergou durante todos estes día, e que medraba cada mañá, está agora valeira.
Oxalá sempre toparamos a maneira de meter a vida real na escola dun xeito tan productivo, positivo e educativo.
Felicitamos desde esta fiestra a quenes tiveron a idea e nola regalaron, de maneira que se fixo grande, compartida e aínda máis solidaria. Se cabe.

26.3.09

Galipedia



A semana pasada publicamos de novo na Galipedia. Os nenos e nenas de 5ºB fixeran unhas pequenas investigacións sobre as tradicións do Entroido en Malpica: O Xogo das Vacas de Barizo e a Mikaela de Buño.
O obxectivo da actividade era usar as fontes orais e, ademáis, documentar unhas tradicións profundamente arraigadas pero que carecen de calquera documentación escrita salvo no caso do Xogo das Vacas no que topamos unha única publicación de Ana Romero e X.L. Pose no Boletín da Auriense. Postos en contacto co Museo Arqueolóxico de Ourense enviáronnos copia do artigo, o que agradecemos públicamente.
Volvendo á Galipedia. Cando hai uns anos comezamos a publicar, a entrada correspondente a Malpica non tiña NADA. Se entrades hoxe, podedes aprender algunhas cousas sobre este pobo.
Nenos e nenas séntense constructores do coñecemento, non só consumidores pasivos. E eso, tamén é moi valioso.
Pola nosa banda prometemos seguir e animamos a cantos vos deixedes a facer o propio.
¿A túa vila? ¿o nome do cole? ¿apelidos dunha zona...? Non é preciso saber todo: logo ven outra persoa e constrúe máis sobre o que nós fixemos... e así sucesivamente.

25.3.09

... un último abrazo


Antes de envialos, os parbulitos e os de 1º, danlle o último abrazo a estas marabillas que tan amorosamente fixeron en familia.
Os de 1º, foron dirixidos polas delicadas mans de Tudita, a súa profe.
Mañá avisaremos á compañía de transporte para que veñan venres recoller o envío.
Seguiremos informando.

24.3.09

... e aínda non rematamos

Grazas por tanta dedicación, por tanto mimo, por tanto traballo minucioso... Grazas.
non nos fartamos de dicilo porque estamos realmente emocionadas pola resposta dos nenos e nenas e das familias.
Emociona ver como cada día van chegando máis, cada cal máis bonito, cada cal con máis detalles...
Non están todos, pero imos deixándovos algunhas imaxes para que vaiades disfrutando ós pouquiños.

¿Un problema?... ¡Un poema!



Esta é a guía de lecturas que estamos a distribuir entre as familias co gallo da celebración da semana da poesía.
Fundamentalmente ten clásicos. Pero pensamos que é preciso seguilos dando a coñecer poraque... hai moitas familias que se estrean como pais e como mediadoras.
Facede caso do lema.

Xa está colgada na nosa páxina de Guías en dous formatos (pdf. e pub.) para que poida ser utilizada.

21.3.09

Primavera e poesía, van da man


Así o creo. E non me parece casual que se celebre o Día da Poesía ¡o día que comeza a primavera!
Non. Non pode ser casualidade.
Coa primavera saúdoamos un novo ciclo que comeza: estamos de estrea.
O cuco é o encargado de traela, de anunciala. Así o confirma o refraneiro popular :
Canta o cuco, tempo enxuto

Cando canta o cuco, logo ven o grao ó suco

E, cando falo do cuco, ademáis de oir o seu canto (cucú-cucú...) oio o fermoso poema de Manuel María.
Ledo, verde, primaveral:
O cuco, cuco, cuqueiro.
O cuco, cuco, cucón.
¡Madrugón e cantareiro!
¡Cantareiro e madrugón!
Óise pola carballeira
o vello cuco souril
ó nacer a Primaveira
entre o Marzo e o Abril.
¡O vello cuco, cucou
e moito máis cucará!
¡O cuco non me capou
e nunca me capará!
Polas mañás ben cediño
o cuco canta "cú-cú".
¡Como o teño por veciño
eu trato ao cuco de tu!

E, xa sei que o cuco ten mala sona. Que ten sona de langrán e perguiceiro. Pero, pensade que, non sempre é verdade todo canto se di.
E logo, ¿non vos parece traballo abondo traer a primavera e a poesía?

Para saber máis do cuco, mira esto e máis esto.

Sacapenas en 2º


Estes son os nenos e nenas de 2º cos seus sacapnas. As mamás esmeráronse de certo colaborando na confección dos bonecos ¿Víche des que bonitos?
Estes van sacar as penas de noite...¡e de día!
Grazas a todas por tanto esmero, tanto mimo, tanto detalle... tanto cariño.

20.3.09

Daredevil na Costa da Morte



O último número (o 116) do superheroe Daredevil, ten como escenario A Costa da Morte.

O debuxante vallisoletano David Aja, foi convidado polo guionista Ed Brubaker a debuxar esta aventura. Precisaban que Kinping, o malo-malísimo, se afastara de Nova Iorque e fora vivir a un lugar tranquilo e pouco poboado.

Aja, coñecera a Costa da Morte durante a súa estadía na Coruña para participara nas Viñetas desde o Atlántico, e pareceulle que este anaco da costa coruñesa reunía as condicións para desenvolver a aventura. Propúxollo a Brubaker quen, non só estivo encantado coa suxestión senón que, decideu manter o nome en galego.

E aí está. No mercado. De momento só en inglés.

Saúdamos con orgullo a iniciativa e valoramos no que ten de respetuoso manter o topónimo en lingua orixinal neste lugar onde aínda se discute por un "L".

17.3.09

Mapa Sociolinguístico de Galicia



Os datos son claros e moi preocupantes para a supervivencia do Galego. Entresaco dous datos para areflexión:
  • en doce anos o retroceso é espectacular pasándose, por exemplo, dun 13% de falantes que só usaban o castelán a case o doble.
  • Sumando as persoas que din falar só galego ou máis galego, o retroceso é de máis de 20 puntos.
Lendo o informe con atención, parece deducirse que é urxente tomar medidas para que non se produzan máis abandonos linguísticos.

O estudo é moi completo e os datos foron tomados en 2004.
Esperamos, pois, que esas medidas necesarias sexan tomadas axiña, co fin de evitar este deterioro, xa que perder o idioma sería irreparable.

13.3.09

Xoguetiños




Hoxe, en Cada día, descubrín este xoguetiño.
Un recurso máis dentro de slide
Seguro que, ós rapaces e rapazas lles encanta. Ten máis posibilidades que a que vedes aquí, así que...¡a explorar!

Máis recursos na rede



No blog da Profa limos onte unha nova que nos encheu de ledicia: a creación da web Patrimonio Cultural Galego.
Da man da Consellería de Cultura e concretamente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, achégasenos unha páxina web de grande interés para a escola e, para Galiza no seu conxunto.
De momento ten inventariados 128 bens de interese cultural convintemente fichados. Conta cun buscador xeográfico,outro avanzado e outro máis de imaxes.
Falaba eu do seu interés para a escola porque ten unha sección propia: Para a escola.
Ten recursos moi interesantes, como a posibilidade de enviar postais en liña.
De fácil navegación é un instrumento ó que, abofé, ímoslle quitar moito partido.
Saúdamos, pois, como se merece esta publicación esperando que siga medrando e inventariando bens,facéndonos accesible o Patrimonio, independentemente de onde vivamos..

12.3.09

Descubrindo os BITS



Vale, descubríndoos eu, porque estou segura de que moitos/as de vos xa os coñeciades.
Un BIT é unha unidade de información.
As caixas de bits son coleccions de conxuntos de imaxes agrupadas por temas de 10 en 10.
A súa orixe atribúese a Glen Doman, fisioterapeuta norteamericano fundador do Instituto para o Desenvolvemento do Potencial Humano en Filadelfia, hai 40 anos.
A finalidade é estimular a intelixencia en idades temperás, concretamente na E.I., anque tamén provocan efectos positivos en idades máis avanzadas.
Total: unhas caixas con fotografías... das que esperamos moito.
Parece ser que os nenos e nenas recíbenos con atención e viven a actividade moi positivamente.
Deixovos un enlace para saber algo maís. E outro máis.
Nos mercamos os de EDEBÉ.

10.3.09

Zona pechada

De novo da man de Mesturas, recibimos esta curta que nos vai axudar a entender algo máis como é a vida para calquera dos nenos e nenas a quenes lles estamos a fabricar sacapenas.
O creador é Yoni Goodman e a curta dura tan só 90 segundos.
Suficientes para entender.

8.3.09

Costureiras na pintura

Pois como andamos a falar de costureiras... deixovos un par de cadros que nos remite a nosa amiga Charo de Mesturas


Tarsila do Amaral




Botero

E agora, un reto: buscade homes cosendo. Na pintura, na literatura, na fotografía...¡Ala!
Ten premio

Muller Traballadora: Lembrando ás COSTUREIRAS

Anos cincuenta.Un exército bulangueiro de mozas percorre cada mañá os camiños para chegar ó taller no que serían aprendizas e logo, se lles aproveitaba o aprendido, oficialas e...COSTUREIRAS.Coas primeiras ganancias mercarán o seu propio medio de producción: a MÁQUINA de COSER. Alfa, Singer, Refrey, Sigma... estaban nos soños destas mozas que se farán expertas en zurcidos e remendos e en corte e confección (A miña muller/filla ten dúas carreiras, bromeaban os homes)Mozas que se farán contratar por horas ou por xornadas nas casas que poidan pagalo e logo, ó volver ás súa, coserán toda a roupa da familia.Este traballo ten ademáis un grande valor engadido para a casa pois os seus coñecementos suporán unha fonte de aforro e, en moitos casos, de ingresos. Desde un pantalón de mahón a un enxoval ou un traxe de noiva... ¡non hai peza que se resista!
Aqueles talleres eran a FP das mulleres galegas. Lugares nos que se sentaban en círculo en sillas costureiras, lugares de charla e de bromas (Vai buscar a pedra de afiar as agullas, era un encargo frecuente para a recén chegada) de complicidades, de rivaliades, lugares de coñecemento moi especializado: multitude de tipos de oxais, de sisas, de cuellos, de petos, de telas...cada un co seu nome propio. Autenticos templos de aprendizaxe. O mundo en feminino.
Traballo senlleiro da conciliación familiar, podía facerse na propia casa. Tódolos fogares tiñan un cuarto da costura cando aínda non era moda que cada fillo tivese o seu dormitorio.. Esta fonte de ingresos, nunca suficientemente valorada, permitiu pagar o transporte dos fillos para ir estudar, pagar a letra do coche ou do piso recén adquirido, pagar...Senlleiro tamén en innovación e documentación: da máquina de levar na cabeza, pasaron á de pé e á automática. Calquera costureira era quen de interpretar complexos planos, tamén chamados patróns, e lía con facilidade revistas extranxeiras sabendo que burda significa centro de documentación de moda.
Logo chegou o listo para levar e a confección barata. E foron desaparecendo as tendas de telas e os talleres. Algunhas, tentaron facerlle a competencia á producción industrial etiquetando co seu nome as prendas que saían do seu taller. Pero non sobreviviron.
Hoxe. Cada mañá, un exército silandeiro de mulleres percorre os camiños (agora en coche) para entrar a tempo nos talleres industriais nos que se sentan en filas de costas unhas ás outras, descoñecen o proceso completo da cofección e cobran infrasalarios. Pero están aseguradas. E cosen, en xeral, para unha firma masculina.
Na lembranza de Carme, Maruxa, Tiluca, Victoria, Reme, Loli e todas cantas vos fixeron a roupa.

Nota: na foto, María Miramontes
Completo a celebración con esta canción que, a min segue a pórme os pelos de punta. No primeiro plano fala de emigración, e ademáis... ¿lemos ente liñas?

5.3.09

Fabricando Sacapenas



Xa estamos en pleno proceso de fabricación. Os dos máis pequenos irán esta fin de samana para as casas para facelos en familia. Outros fanse aquí. Por exemplo os de 5ºB, de onde procede a imaxa.
Tiñades que ver a aula chea de fíos, las, telas... ¡un remexo!
Se queredes ver máis fotos, entrade no blog de

2.3.09

Dinosaurios

Os minicontos son un xénero moi acaído para traballar cos nenos e nenas. Persoalmente a min gústanme moito polo que teñen de concisión.
O primeiro que coñecín foi este de Augusto Monterroso e que vos deixo en versión orixinal:

Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí.