Amosando publicacións coa etiqueta plan lector anual. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta plan lector anual. Amosar todas as publicacións

12.9.24

Plan Lector Anual 2024-25

 
Premer na imaxe para acceder ao documento

Iniciamos nova singradura, curso 2024-25, dando continuidade ao Proxecto Documental Integrado "Medicus curat natura sanat" e as actividades de biblioteca que serán integradas nas Programacións Didácticas de aula mediante o Plan Lector Anual.

Un plan que dá continuidade ao que somos e facemos no CEIP Milladoiro: lectura, información e aprendizaxe. Ao tempo, inclúe os diversos itinerarios lectores para ir incrementando a biblioteca propia e persoal do alumnado de educación primaria e que podedes ver premendo na seguinte imaxe:

A nosa BE-LeoLab favorece e facilita metodoloxías activas nas que o alumnado é protagonista das súas aprendizaxes, e só mediante a responsabilidade individual e as accións colectivas (familias, profesorado, comunidade...) podemos ofrecer unha educación de calidade, acorde ao tempo no que vivimos: unha escola bibliotecaria con corazón, un cole que facilita aprendizaxes de vida e para a vida.

Viñeta de Xosé Tomás en www.nosdiario.gal

Bo inicio de curso a tod@s!

23.4.24

Encontro con Eva Mejuto: "O día que choveron gatos"

Damos continuidade ao noso Mes das Letras 2024 co encontro entre o alumnado de 6º de primaria e a autora Eva Mejuto, facilitado pola editorial Xerais.

O título do Plan Lector Anual da aula de 6º de primaria, "O día que choveron gatos", motivou o encontro para coñecer, en persoa, a escritora do libro. Ao tempo, Eva respondeu a todas as preguntas en relación co libro e con moitos outros títulos da súa autoría: a súa traxectoria vital e literaria.

Encontro con Eva Mejuto

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecemos a Eva a súa dispoñibilidade e amabilidade, o alumnado quedou encantado de coñecela e presentarlle as súas creacións artísticas ao redor do libro, mesmo puido levar un borrador da segunda parte do mesmo, escrita por Alejandro García, para a exposición de aula.

Encontro con Eva Mejuto

Achegamos o podcast gravado en Radio Balea, partindo dalgunhas das preguntas-respostas realizadas na biblio, para que o seu paso polo noso cole perdure en... escrita, imaxe e son.

Estaremos atent@s a próximas publicacións da autora.

11.9.23

Plan Lector Anual 2023-24

Plan Lector Anual 2023-24

Premer na imaxe para acceder

Un novo curso, un novo Plan Lector Anual para seguir desenvolvendo aprendizaxes por descubrimento: lendo, investigando, emocionándonos, escribindo, comunicando...

Un Plan que acolle un novo PDI e a importancia da alfabetización múltiple: competencia esencial para a vida.

Un Plan para favorecer e facilitar experiencias vitais que nos permitan medrar en autocoñecemento, para coñecerse e construírse, e no respecto e coidado mutuo, para cooperar e convivir.

Imaxe de Xosé Tomás
Imaxe de Xosé Tomás en https://www.nosdiario.gal/

Unha escola bibliotecaria con corazón: vertebrando aprendizaxes... para a vida!

12.9.22

Plan Lector Anual 2022/23

 Plan Lector Anual 2022/23

Presentamos o Plan Lector para o curso que iniciamos. Un plan, sen protocolos sanitarios, que nos permitirá desenvolver as actividades, que nos son propias, sen distanciamento social: en comunidade e con identidade.

Premendo na imaxe accederes ao documento no que se recolle, entre outros aspectos, o principal obxectivo que perseguimos, curso tras curso, dende que somos centro LIA.2: a BE-Leolab Milladoiro, unha Biblioteca Escolar do século XXI, creativa e inclusiva.

A nosa escola, "motora" na que navegar por un mar de aprendizaxes e vivencias compartidas. Experiencias de vida que orixinen a metamorfose para voar alto, con raíces sans e fortes.

Imaxe de Xosé Tomás en Manual de escola

9.9.22

Inicio curso 2022/23

Títulos Plan Lector 2022/23

Iniciamos novo curso 2022/23 retomando a merecida "normalidade", sen máscaras (só obrigatorias no transporte escolar) nin protocolos sanitarios que obstaculicen a natural socialización escolar. Un curso con novas lecturas, como as recollidas, por niveis, no Plan Lector Anual e que iniciarán ou incrementarán a biblioteca persoal do alumnado (premer na imaxe para acceder aos títulos do Plan Lector)

No día de onte, inicio do curso escolar, o patio de recreo voltou ser de tod@s, un patio cheo de vida, de sorrisos, algarabía... E a partir do luns 3 de outubro a nosa Biblio voltará estar en funcionamento, tamén nos recreos, para tod@s, para informarse, ler, compartir, aprender... Premendo na seguinte imaxe accederedes ao horario de biblio.

Horario BE-LeoLab Milladoiro

A por un curso máis, en comunidade e con identidade!

 

13.9.21

Plan Lector 2021/22

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Presentamos a nosa folla de ruta para o presente curso: Plan Lector Anual 2021/22, que recolle, entre outros apartados, o protocolo COVID-19 para uso e desfrute da nosa Biblioteca.

Un ano no que daremos continuidade a programas e actividades xa sistematizadas e que nos son propias: Que me contas?, mochilas e bolsiñas viaxeiras, Hoxe le...; así como poremos en marcha outras novas: caixa do correo de Leo (Leohle) e VerbaBOT (Recunchos Robóticos en todas as aulas).

Do PDI anual, recollido neste Plan, deriva a máxima elexida:"As nosas raíces: Galicia somos NÓS". Coma as árbores, soñamos con acadar unhas raíces sans e fortes para que as ramas medren en diferentes direccións neste mundo globalizado no que coexistimos, sen esquecer, nunca, as nosas raíces.

Os Laboratorios de Aprendizaxe seguirán a ser o motor de desenvolvemento das propostas de actividades trimestrais, propostas que partirán de todos os Equipos: BE-DL, Tecnolóxico, Radio, Ciencias e Creativo.

Asemade o alumnado seguirá a incrementar a súa biblioteca persoal con exemplares de calidade contrastada e dinamizando a lingua que se recollen na listaxe de títulos do Plan Lector Anual.

Premendo na imaxe accederedes ao Plan Lector, tamén enlazado na barra lateral (Documentos)

Un novo Plan para un novo curso!

Imaxe ODS Axenda 2030 

18.9.20

Plan Lector 2020/21



A Asesoría de BE vén de actualizar a Carta de navegación para o curso 2020/21 xunto coas propostas de protocolos de diferentes colexios.

O noso colexio, a nosa BE está incluída nesta listaxe co Plan Lector Anual 2020/21, no cal se recolle o noso protocolo COVID-19 e as normas de uso e disfrute da Biblioteca. 

Picando na imaxe accederedes ao documento, aloxado na sección Documentos (barra dereita)

A nosa folla de ruta para o presente curso seguirá sendo o PDI Visión 3C: Comunicación, Ciencia e Creatividade. O lema elexido ou o noso faro-guía é...

CONSTRUÍNDO UN MUNDO MELLOR

Zarpamos!