Amosando publicacións coa etiqueta dia do libro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dia do libro. Amosar todas as publicacións

23.4.21

Feliz Día do Libro!


Hoxe celebramos o Día do Libro fomentando lectura por Malpica cos produtos finais do Laboratorio de Imaxe implementado ao longo do mes de abril.

Libros e códigos QR enlazáronse nos carteis literarios tan creativos elaborados por cada grupo-clase e que xa forman parte da exposición Construíndo un mundo mellor! deste último trimestre.

Parabéns a tod@s polos fantásticos produtos finais e...

Feliz Día do Libro!

30.4.20

Día do Libro... en familia!

Aquí están as imaxes das familias lendo na casa como complemento ás actividades que propuxemos para celebrar o Día do Libro 2020.

Esta data que é tan nosa e na que desfrutamos sempre de compartir lecturas, este ano foi...diferente.
Pero non deixamos de ler!

Grazas por compartir con nós unha parte da vosa intimidade e abrirnos unha fiestra ás vosas casas.

20.4.20

Día do Libro 2020

O vindeiro xoves 23 celebraráse o Día Internacional do Libro.

Ese que daba comezo ao noso Mes das Letras. Lembrades o ano pasado cando enchimos Malpica de Libros e carabeis? E outros anos coa actividade de Padriños e madriñas lectores?....

Pois este ano imos tamén celebrar. Doutro xeito, si. Pero imos celebrar!
Velaí a nosa proposta:

Imos comezar nós, os profes, agasallandovos un video con fotos nosas nas nosas casas lendo e... facendo outras cousas. Porque queremos que nos vexades e saibades de nós e dicirvos que VOLVEREMOS ABRAZARNOS!

E, despois, tocarávos a vós. Fixádevos que as actividades teñen data final. Animádevos! Temos ganas de vervos! E de ver os vosos traballos que sempre, sempre consiguen sorprendernos.

As fotos podedes envialas polas canles que xa tendes establecidas con cada profe, ou ao correo de Leo (bemilladoiro@gmail.com)

Pensade que, agora, anque non é doado, todos estamos facendo algo moi importante: coidarnos e coidar dos demáis. Así que....
Queda na casa
...lendo!

Agardamos as vosas fotos!

2.4.20

Gianni Rodari e proposta literaria

Este Día do Libro Infantil está dedicado a un dos nosos autores de cabeceira: Gianni Rodari.

Sabemos que nos chega esta celebración nun momento de moita incerteza pero... as dificultades pódense convertir tamén en oportunidades e foi moito o que Rodari nos ensinou sobre como xogar coas palabras e a imaxinación. E moitas das súas propostas son moi acaídas para facer en familia. Por exemplo calquera das propostas que nos fai na Gramática da fantasía algunhas das cales entresaca a prestixiosa Revista Babar

 Que tal un binomio fantástico?
Escolle dúas palabras ao azar. Podes, mesmo abrir o diccionario ao chou un par de veces e sinalar co dedo... onde caia!.
Unha vez escollidas.... pensa: onde? como? con quen? que? como remata?
Agora, escríbeo!

Ademáis de divertirte moito (sobre todo se escapas do realismo e acudes ao non sense ou literatura do absurdo) seguirás enchendo o teu Caderno de Confinamento

Ah! Que non o comezaches aínda? Pois.... a que agardas para facelo?

Día do Libro 2020

A finais do mes de abril, ou a comezos de maio, no meu país reverdecen os arbustos. Ao pouco tempo, as crisálidas das bolboretas prenden neles. Locen coma boliñas de algodón, mais as eirugas devoran folla tras folla ata que os arbustos perden o seu verde por completo. Cando as bolboretas saen das súas crisálidas botan a voar; pero malia todo, os arbustos non quedan arruinados: dentro dun ano volverán agromar, e así unha e outra vez. Esta é a imaxe dunha escritora, a imaxe dun poeta: os contos e os poemas aliméntanse deles, ríllanos, esgótanos... E cando xa están escritos, saen voando para acabaren nos libros, para aterraren nos oídos daqueles que os escoitan. E isto non deixa de repetirse nunca... E que ocorre cos poemas e cos contos? Coñezo un rapaz ao que operaron dos ollos. Logo da intervención tivo que estar dúas semanas deitado sobre o seu costado dereito; e despois, durante un mes máis, non puido ler. Non puido ler nada. Cando, tras un mes e medio de repouso, volveu coller un libro, tivo a sensación de estar arramplando coas palabras a eito dunha tarteira. Como se as comese, como se as comese de verdade. E coñezo unha rapaza que agora é mestra, e que dixo: “Pobres daqueles nenos aos que os seus pais non lles lían libros!” As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma. Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto. Pero a fame de palabras non se presenta deste xeito, senón que toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma reina o frío, non se decata de que está a pasar a carón de si mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen sequera notalo. Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos. Se nunca o fixemos, existe a esperanza de que poidamos acalmar este tipo de fame? Si. Aquel mozo le, raro é o día en que non o fai. E a moza que é mestra le contos para o seu alumnado. Cada venres. Cada semana. E se algunha vez lle esquece, son as nenas e os nenos quen llo lembran. E a escritora? E o poeta? Ao ano seguinte, reverdecerán. E volverán roelos os contos e os poemas que logo, transformados en bolboretas, botarán a voar. Unha e outra vez. Para a OEPLI Escrito por Peter Svetina Ilustrado por Damijan Stepancic Traducido por Héctor Cajaraville

26.4.19

Asalto literario á vila de Malpica. Día do libro 2019


  • A que o pasamos ben? Grazas a todos e todas. Especialmente: 
  • ás mamás da ANPA, coas que sempre podemos contar, 
  • a María Taibo, profesora do IES que colaborou xunto co seu alumnado e fixéronno entusiamados, 
  • e a tódolos veciños e veciñas de Malpica por recibir os libros e as flores tan calurosamente.

23.4.18

Día do libro. Lectores padriños e madriñas.

Poucas actividades tan esperadas como esta: a dos padriños e madriñas lectores. Emocionámonos cada ano cando percibimos o importante que é para o alumnado, a seriedade que poñen tanto na presentación, coma na escolla do libro, coma na execución... Algún caso houbo hoxe de estar enfermiños e querer aguantar ata rematar a actividade. Ler xuntos. Un placer! E, con isto damos comezo ás actividades deste mes que dedicaremos ao libro e a lectura.

21.4.17

Día do libro 2017

Coma en anos anteriores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita, co gallo do Día Mundial do Libro, un pequeno marcapáxinas cun texto orixinal dun autor ou autora galega. Nesta ocasión é Rosalía Fernández Rial a poeta que agasalla co seu texto sobre o libro e a lectura ás Bibliotecas Escolares de Galicia.
Rosalía lévanos co libro ao mundo da palabra, da música, da maxia, do imprescindible aire para respirar. 

23.4.16

Día do libro. Padriños e madriñas

Dia do Libro 2016 from bemilladoiro on Vimeo.

Un ano máis celebramos o Día do Libro deste xeito que ento nos gusta. Xa é un clásico e vemos como a iniciativa exténdese cada vez a máis centros educativos. As imaxes de nenos e nenas léndolle historias a outros máis pequenos son sempre enternecedoras. Este ano, e na honra de Manuel María, todos os libros seleccionados son de poesía: historias poéticas, contos encadeados...

25.4.15

Madriñas e padriños lectores: unha festa de lecturas!

DIA DO LIBRO 2015 from bemilladoiro on Vimeo.

Imaxes da actividade coa que tradicionalmente abrimos o noso Mes das Letras. Coma sempre, un éxito! Ocasión para falar de gustos lectores, de preferencias... Nenos e nenas que xa se coñecen e mesmo en ocasións teñen lazos familiares, conversan por primeira vez sobre LIBROS. Unha conversa interesante, non? E ti, canto tempo hai que non falas de libros e lecturas?

23.4.14

Apadriñamentos Lectores

Apadrinhamentos Lectores from bemilladoiro on Vimeo.

Estas son as imaxes da celebración de hoxe: o Día do Libro. Esta actividade é fermosa onde as haxa. Non hai máis que mirarlles as cariñas. Nos días previos (antes de marchar de vacacións) foron coñecer aos afillados/as e charlar un ratiño para compartir gustos lectores. Na medida do posible, deixamos que escollan afillado/a (irmáns, primos, veciños...) provocando que nunha relación que xa é cercana se fale (tal vez por vez primeira?) de gustos lectores. Unha gozada. As fotos AQUI

21.4.14

Xoguiño para o Día do Libro


Navegando pola rede atopamos este LIM co que podedes repasar que e canto sabedes sobre o Día do Libro. Un xoguiño que non está nada mal. Adiante con el!

23.4.13

Lectores padriños

Así foi como celebramos hoxe o Día do Libro. As imaxes falan por si solas, non hai máis que observar as caras. Felices lecturas!

Día Mundial do Libro

 Só un libro.
 Non sei que facer.
Miña irmá regaloume un libro.
Un libro. Entre todos os agasallos que puido escoller, escolleu este.
Un libro.
Por que?
Que lle fixen eu?
Míroo e remíroo.
Sacúdoo, a ver se ten algo entre as follas, ademais de letras e debuxos.
Nada.
 É só un libro.
Paréceme inútil, aí quieto, sen moverse. Éntranme ganas de rompelo, de escachalo, de queimalo, de estragalo...
A ver se así reacciona.
 Non.
Que vai reaccionar!
 Espera.
O libro espera.
 Non se decata de que son máis forte ca el.
 Non se decata de que podería esnaquizalo se me deixase levar polo xenio.
 Se cadra estase rindo de min.
Crerase moi importante por ser un libro.
 Vouno abrir.
Teño curiosidade por saber que escribiron dentro del para que teña eses aires de superioridade.
Vaia! Non está nada mal. Empézame a caer simpático.
Tan caladiño, gardando a súa historia coma quen garda un segredo.
 Ás veces penso que a miña irmá pode lerme o pensamento. Era xusto o que eu quería.
 Un libro.
Este libro.
 Paula Carballeira

Texto escrito para as Bibliotecas Escolares de Galicia con motivo do Día Mundial do Libro 2013

26.4.12

Mercadillo de intercambio de libros


Seguimos coas actividades do Mes das Letras e hoxe tocounos Mercadillo de Intercambio de libros.
Premendo sobre a imaxe pódense ver tódalas fotos.
A actividade é ben sinxela: durante estes días atrás os rapaces foron traendo da casa libros que xa non len. Nese momento recibían un vale (propuxémoslles un máximo de tres libros) por valor do número de libros que traían para cambiar.
Desde o martes os libros estaban expostos, previamente clasificados nunha mesa por cada ciclo, co fin de que os viran e foran escollendo.
Existía a posibilidade de que cando lle tocara a un escoller, o libro desexado...¡xa estivera nas mans de outro compañeiro ou compañeira! Como na vida mesma!
Foi a primeira vez que o organizamos e serviunos para decatarnos do mundo de valores que hai implicados nun feito tan aparentemente sinxelo como intercambiar.
Finalamente intercambiáronse 305 exemplares, o que non está nada mal.
Pasamos unha tarde intensa, sen dúbida, e non tedes máis que mirar esa cariña de contento para saber cal foi o sentimento xeral.
E, agora..... A LER!!!

Presenza na prensa


O xornal dixital Que pasa na costa faise eco da nosa actividade no Día do libro.
Agradecemos moitísimo esa difusión desinteresada do que acontece nos centros educativos da comarca. E, máis concretamente no noso ¡claro!
Con algunha frecuencia recibimos as preguntas de pais e nais de a que se debe que o que facemos non teña presenza noutros diarios comarcais. E non temos resposta.
Cada vez que imos organizar algunha ACTIVIDADE enviamos nota delo ós xornais. Tamén a Que pasa na costa, coa conclusión de que só estes últimos adoitan mirar hacia Malpica. É canto podemos dicir.
E esta entrada é para AGRADECER esa mirada atenta no máis puro estilo do xornalismo caval: contar o que sucede.

25.4.12

Día do libro: Padriños lectores

Velaí as imaxes desta actividade que celebramos xa por terceiro ano consecutivo para conmemorar o Día do Libro. Trátase dos Lectores padriños e consiste en adxudicarlle a cada nenos ou nena un padriño ou madriña maior e que será encargado de lerlle un conto no Día do Libro. A actividade comeza días antes coas presentacións e conversas que manteñen padriños e afillados sobre as lecturas que lles gustan... e remata como estades vendo. Está nos nosos plans seguir a celebrala en anos sucesivos. Veremos se somos capaces tendo en conta como se nos están poñendo as cousas. ÁlBUM DE FOTOS

23.4.12

Manifesto pola lectura no Día do Libro

Coincidindo co Día do Libro 2012, existe unha iniciativa impulsada por Luis Arizaleta (especialista en lectura e desenvolvemento de iniciativas culturais): o ambiente de lectura na escola, e é ese o nome do manifesto que vos convido a ler.
Son doce puntos moi breves pero que, de telos realmente presentes, suporía un verdadeiro reformulación da experiencia lectora, persoal e cultural dos nosos rapaces e rapazas. Para iso dirixímonos a toda a ampla comunidade vinculada coa lectura: escritores, mediadores, contistas, narradores, pais e nais, editores, profesionais da educación...
Aínda que sempre oímos aquilo de “niso todos estamos de acordo” o certo é que no mundo vinculado ao libro e á lectura hai moita leria e adorno estéril, pero tamén temos que dicir que hai moita xente traballando, no noso país e máis alá del, para que as cousas non sexan así. Sabemos que hai unha corrente forte e consolidada de xente que traballa para que os pequenos, medianos e maiores vivan a lectura con pracer e sabemos que, ademais, conségueno. E non deixa de ser significativo que xunto a todas esas persoas, que irán en aumento, ou non, non tiveran dúbida en estampar a súa su firma xente como Francesco Tonucci, ou escritoras como Rosa Aneiros ou Fina Casalderrey, de entre un grupo de 108 profesionais relacionados coa lectura.
O dito, propóñovos a súa lectura:
 
Esta manifesto está a circuklar no día de hoxe por diversas Comunidades Autónomas españolas. P manifesto pode asinarse AQUÍ

15.5.11

Aínda...

...andamos a publicar actividades das que fixemos co gallo do Día Mundial do Libro porque este ano andan as datas todas un pouco descolocadas!
Iste foi o traballo que fixeron na aula de audición e linguaxe coa profe Susana: un convite a imaxinar!
A min paréceme unha das cousas máis marabillosas que facemos cando lemos.