8.3.09

Muller Traballadora: Lembrando ás COSTUREIRAS

Anos cincuenta.Un exército bulangueiro de mozas percorre cada mañá os camiños para chegar ó taller no que serían aprendizas e logo, se lles aproveitaba o aprendido, oficialas e...COSTUREIRAS.Coas primeiras ganancias mercarán o seu propio medio de producción: a MÁQUINA de COSER. Alfa, Singer, Refrey, Sigma... estaban nos soños destas mozas que se farán expertas en zurcidos e remendos e en corte e confección (A miña muller/filla ten dúas carreiras, bromeaban os homes)Mozas que se farán contratar por horas ou por xornadas nas casas que poidan pagalo e logo, ó volver ás súa, coserán toda a roupa da familia.Este traballo ten ademáis un grande valor engadido para a casa pois os seus coñecementos suporán unha fonte de aforro e, en moitos casos, de ingresos. Desde un pantalón de mahón a un enxoval ou un traxe de noiva... ¡non hai peza que se resista!
Aqueles talleres eran a FP das mulleres galegas. Lugares nos que se sentaban en círculo en sillas costureiras, lugares de charla e de bromas (Vai buscar a pedra de afiar as agullas, era un encargo frecuente para a recén chegada) de complicidades, de rivaliades, lugares de coñecemento moi especializado: multitude de tipos de oxais, de sisas, de cuellos, de petos, de telas...cada un co seu nome propio. Autenticos templos de aprendizaxe. O mundo en feminino.
Traballo senlleiro da conciliación familiar, podía facerse na propia casa. Tódolos fogares tiñan un cuarto da costura cando aínda non era moda que cada fillo tivese o seu dormitorio.. Esta fonte de ingresos, nunca suficientemente valorada, permitiu pagar o transporte dos fillos para ir estudar, pagar a letra do coche ou do piso recén adquirido, pagar...Senlleiro tamén en innovación e documentación: da máquina de levar na cabeza, pasaron á de pé e á automática. Calquera costureira era quen de interpretar complexos planos, tamén chamados patróns, e lía con facilidade revistas extranxeiras sabendo que burda significa centro de documentación de moda.
Logo chegou o listo para levar e a confección barata. E foron desaparecendo as tendas de telas e os talleres. Algunhas, tentaron facerlle a competencia á producción industrial etiquetando co seu nome as prendas que saían do seu taller. Pero non sobreviviron.
Hoxe. Cada mañá, un exército silandeiro de mulleres percorre os camiños (agora en coche) para entrar a tempo nos talleres industriais nos que se sentan en filas de costas unhas ás outras, descoñecen o proceso completo da cofección e cobran infrasalarios. Pero están aseguradas. E cosen, en xeral, para unha firma masculina.
Na lembranza de Carme, Maruxa, Tiluca, Victoria, Reme, Loli e todas cantas vos fixeron a roupa.

Nota: na foto, María Miramontes
Completo a celebración con esta canción que, a min segue a pórme os pelos de punta. No primeiro plano fala de emigración, e ademáis... ¿lemos ente liñas?

12 comentarios:

Ronsel dixo...

Grazas por este agasallo. SAúdos

MESTURAS dixo...

Querida Olga. É realmente emocionante e fermoso este texto. Encántame. Parabéns e mil grazas. Por certo, atopei un par de imaxes de Tarsilia do Amaral e Botero por se queres botar unha ollada e/ou utilizar.
bicos

Loly dixo...

Benquerida Olga, moitísimas grazas por este fermoso texto que me trae lembrazas da nenez na casa da miña tía Victoria. Unha gran muller á que nunca esquecerei.
Bicos

Encarna dixo...

Súmome ao agradecemento de Ronsel por este texto que nós tamén incluimos no noso blog neste día.
Feliz día da muller!!!
Un agarimoso saúdo.

Chispa dixo...

Máis grazas, máis saúdos, máis felicidades!
Bicos desde Ferrol.

Anónimo dixo...

Eu non son moi partidario dos dias de...E neste caso menos.
Neste caso, habia que buscar e conmemorar o dia (un dia) de descanso para moitas mulleres que cada dia do ano erguense canda o sol para criar uns fillos, sacar adiante a unha familia, coidar dos avós, e ainda lles sobra tempo para traballar fora da casa.

Ese si que habia ser un dia para festexar.

Apertas e parabens

olga dixo...

Non é unha festa, Manolo. É unha reivindicación. Que está por acadar.
E que o vexan as nosas fillas.
Por Maruxa, por Catarina...

Oki dixo...

Bonita, moi fermosa esta entrada, que ademáis a min traéme recordos da miña infancia... as tardes na casa da miña tía, que cosía xunto con outras mulleres que desapareceron deste mundo pero que aínda quedan no meu corazón: as miñas tías Pilar e Paquita, a miña avoa Concha, Araceli, a señora Pilar, a Felisilla, Amparito... e mesmo algunhas das clientas coas que logo dos encargos quedaba unha verdadeira amizade...
Un bico enorme para todas elas, para as que se foron e para as poucas que quedan.
E grazas por facer posible este recordo neste día a este blogue amigo.

olga dixo...

Por eso. Porque están no corazón, na retina, no recordo... porque formaron parte do mundo real de Todos/as? os galegos e galegas. Por eso. Porque foron invisibles, transparentes. Poque mantiñan a economía e ninguén se decataba.Porque eran importantes. Por iso, Oki. Por iso, esta pequena homenaxe: PARA PÓR LUZ.

Biliomanía dixo...

Grazas,Olga. Paréceme estar vendo as miñas tías, que como tantas outras tiveron por carreira a costura.

cormelana dixo...

en 1927 Ánxel Casal fundou a editorial Lar en 1927. O que non todo o mundo sabe é que a súa dona, María Miramontes, era costureira, e dos cartos da súa tenda de tecidos e das súas laboriosas mans naceron tamén algunhas das obras literarias da editorial, porque xa sabedes que nesa época as editorias e a literatura non eran un negocio moi redíbel. Un aplauso para as mans costureiras de María Miramontes.
Por certo, Ánxel Casal foi detido o 4 de agosto do 36 e apareceu morto nunha beiravía dúas semnas despois. A intelectualidade, ás veces, págase moi cara.

olga dixo...

Como ves, desde esta ventá, tentamos render unha homenaxe ás mulleres traballadoras, emprendedores...¡e valentes!