30.4.10

E ti...para que les?


Por fin as fotografías das vosas opinións. Bueno... dalgunhas das vosas opinións.
É fabuloso lelas. Eu paseino moi, moi ben facéndoo.
Deixovos tamén o enlace ó álbum de Picassa por se queredes descargar algunha foto.E tamén para que as leades con máis atención, se queredes.
Hai resposta prácticas (para aprender, para informarme, para quedar durmido...)
Hainas técnicas (a lectura é o combustible da imaxinación)
Hainas fabulosas (porque me sinto a protagonista)...
Revolucionarias (para soñar un mundo millor...)
Xa dixen que me emocionei léndoas.
Bicos para todos e todas e grazas por ir ata o corazón a buscar estas respostas.

29.4.10

Un aplauso



Aqui están as nosas vidas, o noso traballo, as nosas ilusións, o noso proxecto, as nosas fatigas, os nosos soños, o noso tempo, nós mesmos...polo voso futuro! Por iso, este video está adicado aos alumnos e alumnas deste cole que fan posible que esté vivo e aos mestres que adican toda a súa enerxía día tras dia. Noraboa a todos.

Hoxe le...



Esta é unha das actividades que levamos a cabo e que máis nos gustan.
Martes e xoves, no recreo, hai lecturas na biblio. Os maiores (a partires de 3º, se queren) le para os pequenos. Fánno dun xeito voluntario: quen quere anótase para facelo nunha plantilla que temos na biblio. Cando lle vai tocar o turno avisámoslles, dinnos que libro escolleron, publicitamos nuns espazos que xa temos para elo...¡e xa está!
Mentres tanto, a biblio non para: as profes traballan, o préstamo sigue...
Montamos as imaxes con esta nova ferramenta que nos achegou Charo.

25.4.10

Así foi o Día do Libro no noso cole:



1º.- Exposición ELES, ELAS...TAMÉN LEN. Desde o comezo do curso solicitamos a persoeiros coñecidos por actividades públicas diferentes ó libro e á lectura, unha foto lendo e unha recomendación lectora. Conseguimos, coa mediación de outas bibliotecas escolares galegas, a participación de máis de 40 famosos. O libro electrónico que fixemos publicámolo o propio día 23 neste blogue e noutros moitos das bibliotecas escolares galegas. A exposición física está no noso cole.
2º.- Preguntamos a nenos e nenas, profes e familias E TI:::PARA QUE LES? Proporcionámoslles unha plantilla de resposta que elaborou para as BEGas o ilustrador Jaime Eizaguirre. Non temos aínda fotos. A mañá foi moi intensa e non houbo tempo para todo. Pero prometémolas.
3º.- Escribimos e ilustramos entre todos/as unha historia que comezaron a inventar os parbulitos e remataron os escolares de 6º. Cada curso elaborou unha cartolina ilustrada co seu fragmento de texto. Encadernaremos o libro e faremos un formato electrónico. Tampouco temos fotos (de momento) Pero o conto é unha historia preciosa. Chámase Lueiro.
4º.-PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES.- Cada escolar de 5º e 6º apadriñaba a outros 2 (ás veces 3) dos outros cursos. Selecionaba un libro e preparabao (durante días) para contarllo. Nesta semana houbo un día en que os padriños e madriñas foron á aula dos seus afillados a presentarse. O venres, recolléronos na aula, baixaron xuntos ó patio, contáronlles a historia, disfrutaron do libro....e logo subiron de novo ás aulas.
Un día moi, moi completiño como podedes ver. Iste é o álbum de imaxes (das que temos polo de agora, pero xa vos prometemos máis E TERÉDELAS!)

E ti...para que les?



Seguindo unha iniciativa de Implicadas no Desenvolvemento, as Bibliotecas Escolares de Galicia mergullámonos nela co convencemento de que é especialmente motivadora para a animación á lectura das comunidads educativas ás que nos diriximos.

O ilustrador Jaime Eizaguirre creou para nós as ilustracións de maneira xenerosa, polo que lle damos as grazas.
As compañeiras Charo e Loly deron forma a este caderno que estades a ver.
Nel hai máis de duascentas respostas de persoas de toda clase e condición que son lectoras e estiveron dispostas a dar unha razón, a razón que lles move a elo.

Na consciencia de que se trinta veces che fan a pregunta darás outras tantas respostas diferentes... expresando con palabras diferentes o impulso que te move cada vez que colles, que colliches, que collerás UN LIBRO.
Se aínda non contestaches pasa polo cole, pídenos unha plantilla e responde.
A exposición segue aberta.

22.4.10

Ler, ler, ler...


Animar a ler, ensinar a ler, enganchar a ler... nisto consiste a misión fundamental da escola: facer lectores competentes, críticos, eficaces... Conseguir que, durante o resto da vida dos nosos escolares, a lectura ocupe un lugar principal como instrumento para aprender, como ferramenta para informarse, como actividade de lecer... ¡Son tantas as utilidades da LECTURA!

Hoxe, que o mundo adica especialmente este día ó libro , a nosa aportación é este caderno no que convidamos a personaxes públicas coñecidas por unha actividade profesional allea ó mundo dos libros (allea?, dixen allea?, hai algunha actividade allea á lectura?...) a explicarnos porque len e cal é a súa lectura favorita.
Agradecemos a cantos participaron enviando as súas respostas, e tamén a aqueles/as que tiñan intención de facelo pero... a colaboración prestada. Comprenderon que este noso esforzo é un labor de todos e todas.
Iste foi o resultado.


Feliz Día do Libro!

Feliz vida con libros!

Educared

É un portal da Fundación Telefónica e algunhas outras institucións que ten como finalidade familiarizar a pais e mestres coas ferramentas da web.

Recursos seleccionados para pais e nais, para docentes e para escolares dos diferentes tramos educativos.

Ten unha sección de titoriais moi moi completiña.

Conta cun completo menú no lateral esquerdo no que está organizadiña toda a información para que vaias directamente ó que precises.

Os materiais que contén son, exclusivamente en lingua castelá pero non nos importa moito porque nós, sí somos bilingues.

Gústanos especialmente a sección Leer y vivir dentro de Recursos educativos, sección que recomendamos, como non podía ser menos, nesta semana adicada ó libro e á lectura. Anuqe, como xa sabes, a iso adicamos todo o ano.


20.4.10

Rico, rico...

No mes de outubro celébrase en Australia a The Sydney International Food Festival, e a axencia publicitaria a quen lle encargaron os traballos tivo esta xenial idea: facer as bandeiras de cada país participante con productos comestibles típicos.

Ese que vedes aí foi o suculento e exquisito resultado.

A ver: primeiro identifica o país que corresponde con cada bendeira e despois... ¡fainas!

Podes incluir bandeiras que non están no cartel. Excelente ocasión para documentarse ¿a que si?
¿Con que farás a galega? ¿e a española?...Segue...
Vímolo no blog de Paco

Lectura e familia

O portal do MEC do que xa vos falamos con motivo da súa inauguración (Leer.es)ten unha importante sección dirixida ás familias.
Teóricamente está tamén en galego, como non podía ser menos tratándose dun recurso feito con cartos públicos, pero o caso é que non funciona sempre esa opción.

Dito eso, mirade con atención:

Unha sección de videos dirixidos a paies e/ou nais con consellos para abordar a cuestión cos fillos e fillas.
10 ideas para facer lectores: sinxelos consellos que non por elo deixan de ser eficaces.
Unha interesantísima sección de preguntas e respostas, organizadas en temas. Preguntas frecuentes tipo ¿cales son os libros máis axitados para ...idade?, ¿Que erros poden cometer os pais?...¿como axudar no proceso?...
Un apartado de actividades, para comprender, para descubrir...

Paga a pena dedicarlle uns minutos para exploralo ben porque pensamos pode ser de gran axuda para familias que teñan intención de acompañar o crecemento lector dos seus fillos e fillas.

Deixamos o enlace na vosa sección deste blogue: Para pais e nais.

18.4.10

Vale a Pena

Iso é o que pensan de nós os colegas da Biblioteca do Colmeiro e, con tal motivo, fannos chegar iste cariñoso recoñecemento.
Agora nós temos que outorgarllo a outros dez colegas como sucede sempre con estas simpáticas cadeas.
E iso non nos gusta tanto. Porque...¿como escoller a un entre todos? ¿a quen deixamos fóra?...
Así que, polo que a min respecta, poñede cada un un selo nos vosos blogues. Todos. Porque nesta rede de traballos e ilusións compartidas....
todos valemos a pena!!!

15.4.10

Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia


Hoxe e mañá celébranse en Compostela os Encontros do PLAMBE cun excelente e apretado Programa.
A lectura para a aprendizaxe, a educación de competencias básicas como o "tratamento da información e competencia dixital", a presenza dos soportes audiovisuais e electrónicos, a imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital, serán algúns dos contidos a tratar en maior profundidade.
Disfrutaremos aprendendo e topando ós colegas un ano máis.
Agradecemos á Asesoría de BEs o esforzo que, un ano máis, leva a cabo para ofrecernos un auténtico entorno de aprendizaxe.

14.4.10

Aniversario

Hoxe é o aniversario da proclamación da Segunda República Española
O 18 de Xullo de 1936 o rexime democrático caeu baixo o golpe de estado do general Franco.
Co fin de paliar algunhas das peores consecuencias daquel episodio, naceu a Lei da Memoria Histórica.
E aínda hoxe as televisións están dando conta de que na cidade de Vigo comezan a retirarse os simbolos da victoria dunha parte da poboación sobre a outra. Símbolos que aínda estaban expostos publicamente provocando a dor de moitos.
Viaxando por Europa, teño visto que en moitas cidades o que se fai é pór publicamente os listados cos nomes de TÓDOLOS mortos na Guerra: os dun bando e os do outro. Parece que en España ese punto de recoñecemento aínda non é posible. 71 anos despois.
Mil primaveras máis para a DEMOCRACIA!

11.4.10

Wibiya

Seguro que notaches estes días a aparición dunha nova barra de ferramentas ó final da fiestra deste blog. Eu vírao por aí en algúns blogs, por exemplo no Segrel do Penedo, e parecíame útil pero... ¡iñoraba todo o demáis!
Trátase de Wibiya.
Unha vez dentro e identificado (vale a conta de gmail) podemos escoller as aplicacións que nos xeitean (trae algunhas seleccionadas por defecto, pero podemos modificalas) polo tanto é totalmente persoalizable: últimas entradas, visionado aleatorio, blogs secundarios, caixa de búsqueda... ¿As que máis me gustan a min? os accesos directos ós álbumes de fotos e á canle youtube, a posibilidade de compartir unha entrada no Facebook (ou outras redes sociais)...

Topei na rede un titorial que, a min sirveume para colocar a nosa. Así que, se vos parece útil...¡adiante!

Converter a dor en beleza...

... é algo que só poden facer os POETAS.
Ven esto a conto do que aprendin esta fin de semana. Lendo as Folerpas de Novoneyra que ven de publicar Fran Alonso con Xerais, descubro o dramatismo que dou lugar a un poema tan redondo, tan belo, tan conmovedor como Letanía de Galicia.

Resulta que a nai do poeta padecía Alhzeimer. Na primeira fase desta enfermidade cruel, os enfermos repiten coma nunha letanía a mesma frase. Unha e outra vez. Algo que resulta extremadamente cruel para os seres queridos pois asisten sen poder facer nada a como o enfermo a quen queren, vaise alonxando e perdéndose na néboa. Sen que se poida facer nada por acompañalo ou por detelo. Simplemente, alónxase.

O poeta convertiu esas repeticións en arte, en amor, en beleza. Trascendeu á dor.
E escribeu o poema ó que aludimos.
O descubrimento achegoume aínda máis a Novoneyra para acompañar a súa dor pero tamén para envexar profundamente esa capacidade de transformación.
Deixovos o poema para que o disfrutedes.

8.4.10

Planetas




















As Bibliotecas Escolares Galegas estamos de estrea.
Estreamos PLANETAS.
Premendo sobre cada unha desas imaxes (obra de Rosana Rodiles) accederás a TÓDOLOS blogs de BEgas.
É unha ferramenta moi moi importante que nos permitirá estar en contacto con TODO canto se publica diariamente nestas fiestras dixitais. E permitirá tamén que cada lector dun blog poida acceder ó publicado en TODOS.
Celebramos o invento e agradecemos o traballo que dou facelos a Loly e Isa.

7.4.10

Wikis como ferramenta educativa


Magnífica explicación do profesor Muñoz de la Peña. A competencia dixital, a xestión da información e as maneiras en que os nosos escolares poden aprendelas.
Miradeo con atención.
Topámolo no blog de Buenas Prácticas 2.0

6.4.10

¿Non se che ocurre como compartir o tempo?...Tradición oral

Hai xa algún tempo que dedicamos unha entrada deste blog a este interesantísimo recurso

Volvemos hoxe a facelo porque vimos de engadilo nese apartadiño de Para pais e nais que creamos estes días.

Orella Pendella é unha fonte valiosísima de recursos para contar e cantar ós noso nenos. Na casa, como se fixo sempre: Hai xogos, recitados, adiviñas, endadeados.... para tódalas idades. Para compartir e pasalo ben.

Non se trata dun recurso para eles e elas. Non. É para os adultos, que toparemos alí cousas que descoñeciamos ou que, simplemente, esqueceramos.

Trátase dunha páxina moi activa, que medra constantemente coas achegas que os usuarios imos facendo.

Polo tanto: se podes aportar algo, faino. Se non podes aportar: úsaa. Que para iso está.

Aí queda o enlace.

Ciudad de la pintura

É marabilloso ter amigos que nos achegan cousas, nolas dan a coñecer... Este é o caso deste portal adicado á pintura.
Relamente valioso e que me chega da man dunha boa amiga.
Autores, Obras, Estilos, Museos... ó alcance dun clic para que aprendas... ou, simplemente, recrees a vista.

Grazas, Elvira.
Premede na imaxe que vos levará dereitamente ó sitio.

1.4.10

Día do libro Infantil e Xuvenil



Hoxe é a conmemoración deso que nos ocupa durante todo o ano.

En realidade, sigo sen saber se estas conmemoracións teñen algún sentido. Pero aí está.

O noso compromiso é anual, de cada día, de tódolos días. Seleccionar, entre o marasmo de textos supostamente dirixidos ós rapaces. Achegar aqueles que nos parece que teñen maior calidade, diversos niveis de lectura, aptos para ese momento... Porque un bo texto (ou unhas boa ilustración)nunca será exclusivamente infantil.

Penso no libro de OH!, ou en Frederick, ou en Onde viven os monstros?, ou en Mil cousas poden pasar.... por non falar de Roald Dahl e toda a súa producción.... (e agora seguro que cada un de vos está evocando outros títulos igualmente marabillosos)

Non. Non creo que tódolos productos que levan o marchamo de literatura infantil, sexan dignos dese título. E non me vale o de que ós rapaces gústalles...

Un dos traballos do mediador é precisamente ese: achegar, dar a coñecer, mostrar e acompañar mentres educamos tamén os gustos literarios. Porque se non o facemos nós, faráno as grandes superficies. Que xa o fan e, moitas veces, con nós seguíndolles o xogo.

Deixovos ó enlace ó manifesto deste ano.

Tamén a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia completa a información.

Para Loli e Maria

... e tódolos outros e outras profes de Lingua Inglesa, este recurso que pode resultar entretido.
Ás veces, con cambiar de cara...
Ben: a min pareceume interesante pero ¡vos diredes!

Premede sobre o debuxo e ¡ala! ¡a xogar e aprender!