"Sempre imaxinei que o Paraíso sería algún tipo de biblioteca" (Jorge Luís Borges)
14.8.08
XX Regata do Bao
(Preme sobre o álbum para velo máis grande)
Celebrouse o sábado 2 de Agosto coa concurrencia de 43 dornas. Organizou a Asociación Cultural e Deportiva Dorna, da Illa de Arousa. Un feixe de persoas entusiastas dos barcos tradicionais ós que adican todo o seu tempo libre.
Manteñen unha Escola de navegación tradicional para ensinar a navegar a todo aquel que teña interés (cinco tardes de clase capacítante para coñecer os rudimentos da navegación en dorna)... o resto faino a práctica. A escola dispón tamén de dornas para sair navegar tódolos seus socios.
Esta regata ten a particularidade de que a saída faise desde terra: dornas alineadas na area, tripulacións uns metros atrás, pistoletazo, carreira, embarcar, botar ó mar, montar timón, montar pau, montar vela, izar... ¡SAIR!
Para que se considera finalizada, hai que varar, non abonda con chegar á praia.
Un espectáculo marabilloso.
Non había moito público, de momento esto non é Brest, pero tanto os navegantes coma os espectadores pasámolo moi, moi ben.
Cada sábado unha durante toda a tempada. Para coñecer o calendario infórmate na páxina da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF)
XX Regata do Albariño
(Preme sobre o álbum para velo máis grande)
Unha nova ocasión para o deporte, a competición, o disfrute e o espectáculo.
Porque de todo esto hai nunha regata de dornas.
Eu, que son novata nesto, non disfruto especialmente coa navegación porque probablemente son moi terrícola, pero aprecio no que vale a marabillosa visión de máis de trinta barcos de vela no mar, con esa vela tan carácterística ¡e tan bonita!
E na miña cabeza danza o poema de Cunqueiro que Amancio Prada musicou de maneira tan acaída:
Si miña señora á i-alba de Arousa beilar,
poñereille, belida, un ventiño no mar.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!
Poñereille unha frauta e máis un reiseñor
e unha longa soedade coma a da mar maior.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!
Na illa de Cortegada poñereille un galán
por pastor de mareas co seu remo na man.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!
Poñereille unha gaita no bico da ría
e unha abelaneira no medio do día.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!
Esto era Arousa. O mar de Cambados.
Eles e elas: namorados do mar.
O de menos... gañar ou non.
13.8.08
Unha Biblioteca con solera
Así é como titula o diario La Opinión un artigo aparecido o pasado domingo día 10 de Agosto sobre a nosa biblioteca escolar.
Agradecemos ó diario coruñés a atención que nos prestou facendonos aparecer un domingo de agosto e con media páxina...¡da dereita!... toda unha honra para unha pequena biblioteca escolar dunha pequena vila.
Na edición dixital aparece un pequeno estracto que deixamos aquí
Agradecemos ó diario coruñés a atención que nos prestou facendonos aparecer un domingo de agosto e con media páxina...¡da dereita!... toda unha honra para unha pequena biblioteca escolar dunha pequena vila.
Na edición dixital aparece un pequeno estracto que deixamos aquí
Etiquetas:
biblioteca,
nós,
prensa,
xornal
Brest-08
(Preme sobre o álbum para velo máis grande)
Entre o 10 e o 17 de Xullo tivo lugar en Brest (Bretaña Francesa)o Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais que se celebra nesa cidade cada catro anos.
Nesta ocasión había cinco países invitados: Noruega, Vietnam, Croacia, Madagascar e Galicia.
10 días, 2.000 barcos, 20.000 visitantes, 6.000 voluntarios... son cifras que dan unha idea da magnitude do Encontro.
Brest é unha cidade do tamaño da Coruña con sete kilómetros de porto que foi totalmente pechado durante eses días de maneira que estaba á completa disposición da Organización, os visitantes e... os barcos. A entrada ó recinto custaba 13 euros.
A Delegación de Galicia ou marea azul, como nos coñecían os franceses, deixou o pabillón da navegación tradicional moi alto: dornas, traíñas, botes xeiteiros, de Cesantes, de Ribadeo, barcos de río.... ¡daba xenio velos saír ó mar! E non digo nada da emoción de velos izar velas cada noite no peirao.
O Village de Galicia ocupaba o lugar central do Encontro co que fomos moi visitados con auténtico interés por xentes procedentes de diferentes lugares do mundo e que facían as preguntas mais variadas sobre a construcción naval tradicional e as técnicas de navegación. Cada día chegaba a Brest o AVE (eles sí o teñen!) procedente de París traendo centos de persoas que viñan co único motivo de ver .... BARCOS, nun exercicio de respeto pola cultura tradicional que era verdadeiramente emocionante.
Os navegantes galegos, agrupados na FGCMF, xa tiñan estado en Brest e Douarnenez... en diferentes Encontros e foi o seu prestíxio quen granxeou esta distinción coma país convidado. Pero nunca ata agora foran representando a Galicia dun xeito oficial co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura. A Conselleira acompañounos o Día de Galicia (o 16 de Xullo) e a Secretaria Xeral para o Deporte xunto coa Delegada Procincial da Consellería para a Coruña permaneceron alí toda a Festa encabezando a Delegación Galega.
Conviría pensar se este saber e este patrimonio é susceptible de seren transmitido e ensinado ós máis novos. En caso firmativo hai que se pór mans á obra ou ... unha vez máis chegaremos demasiado tarde.
A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial ofrece información e ligazóns para todos aqueles que queiran achegar se ó coñecemento e disfrute do noso patrimonio marítimo. Informa, asemade, das diferentes Asociacións e Clubes que, espallados por todo o país, desenvolven actuacións a prol da cultura marítima e fluvial.
Aí queda unha pequena reportaxe de algúns momentos vividos en Brest: a carga dos barcos, as asambleas organizativas, as foliadas con Treixadura e Leilía, a celebración do Día de Galicia, os convites ós villages de Madagascar,de Croacia,de Noruega... o Hidria (unha xoia de vapor de 42 anos de idade e 30 metros de eslora), a construcción da Javiota... e ¡os barcos!
¡Saúde e bos ventos!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)