13.8.08

Brest-08


(Preme sobre o álbum para velo máis grande)

Entre o 10 e o 17 de Xullo tivo lugar en Brest (Bretaña Francesa)o Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais que se celebra nesa cidade cada catro anos.
Nesta ocasión había cinco países invitados: Noruega, Vietnam, Croacia, Madagascar e Galicia.

10 días, 2.000 barcos, 20.000 visitantes, 6.000 voluntarios... son cifras que dan unha idea da magnitude do Encontro.

Brest é unha cidade do tamaño da Coruña con sete kilómetros de porto que foi totalmente pechado durante eses días de maneira que estaba á completa disposición da Organización, os visitantes e... os barcos. A entrada ó recinto custaba 13 euros.

A Delegación de Galicia ou marea azul, como nos coñecían os franceses, deixou o pabillón da navegación tradicional moi alto: dornas, traíñas, botes xeiteiros, de Cesantes, de Ribadeo, barcos de río.... ¡daba xenio velos saír ó mar! E non digo nada da emoción de velos izar velas cada noite no peirao.

O Village de Galicia ocupaba o lugar central do Encontro co que fomos moi visitados con auténtico interés por xentes procedentes de diferentes lugares do mundo e que facían as preguntas mais variadas sobre a construcción naval tradicional e as técnicas de navegación. Cada día chegaba a Brest o AVE (eles sí o teñen!) procedente de París traendo centos de persoas que viñan co único motivo de ver .... BARCOS, nun exercicio de respeto pola cultura tradicional que era verdadeiramente emocionante.

Os navegantes galegos, agrupados na FGCMF, xa tiñan estado en Brest e Douarnenez... en diferentes Encontros e foi o seu prestíxio quen granxeou esta distinción coma país convidado. Pero nunca ata agora foran representando a Galicia dun xeito oficial co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura. A Conselleira acompañounos o Día de Galicia (o 16 de Xullo) e a Secretaria Xeral para o Deporte xunto coa Delegada Procincial da Consellería para a Coruña permaneceron alí toda a Festa encabezando a Delegación Galega.

Conviría pensar se este saber e este patrimonio é susceptible de seren transmitido e ensinado ós máis novos. En caso firmativo hai que se pór mans á obra ou ... unha vez máis chegaremos demasiado tarde.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial ofrece información e ligazóns para todos aqueles que queiran achegar se ó coñecemento e disfrute do noso patrimonio marítimo. Informa, asemade, das diferentes Asociacións e Clubes que, espallados por todo o país, desenvolven actuacións a prol da cultura marítima e fluvial.

Aí queda unha pequena reportaxe de algúns momentos vividos en Brest: a carga dos barcos, as asambleas organizativas, as foliadas con Treixadura e Leilía, a celebración do Día de Galicia, os convites ós villages de Madagascar,de Croacia,de Noruega... o Hidria (unha xoia de vapor de 42 anos de idade e 30 metros de eslora), a construcción da Javiota... e ¡os barcos!

¡Saúde e bos ventos!

Ningún comentario: