Comezamos abril, mes dos libros e...agasallos!
O pasado venres, 9 de abril, recibimos a visita de Kalandraka, representada por: Ricardo Rodríguez do Departamento Comercial, Bea Campos (reporteira) e J.M. Sagüillo (cámara) do equipo de Kalandraka TV
A visita tivo como principal motivo agasallar a cada neno/a cun libro e un lote de libros para a Biblioteca polo heroico traballo reflectido no vídeo Entroido 2021: SH Milladoiro! que realizamos entre tod@s para festexar un entroido "diferente" ao ritmo da canción "Superheroe, superheroína" de Paco Nogueiras, canción incluída no seu último libro-CD Extra! editado por Kalandraka.
Todos os libros-agasallo que repartiron entre o noso alumnado viñan seleccionados por idades lectoras, así:
- E.Infantil recibiu Janosch (libro-puzles)
- 1º e 2º de Primaria recibiu Unha festa sorpresa de Pat Hutchins
- 3º e 4º de Primaria recibiu Allumette de Tomi Ungerer
- 5º e 6º de Primaria recibiu O tesouro agochado de Paul Maar
As biblioaxudantes de 6º de Primaria exerceron de anfitrioas para guialos polos diferentes espazos do colexio, namentras gravaban: entrega de agasallos, espazos creativos BE-LeoLab...
O alumnado de 5º de Primaria, biblioaxudantes de Radio na Biblio, entrevistaron a Ricardo para coñecelo e coñecer un pouco máis o mundo do libro. Unha entrevista moi ben preparada polo alumnado, mais sorpresa para o entrevistado que non sabía que ía ser o proragonista do día en Radio Balea.
Agradecer a amabilidade de Bea, Sagüillo e Ricardo, equipo Kalandraka, con tod@s.
Picando na primeira imaxe accederedes ao álbum de fotos do día.
Parabéns a nosa comunidade educativa, non participamos en ningún concurso ou certame; mais é de agradecer o recoñecemento feito por Kalandraka ao traballo realizado con ilusión, motivación, esforzo e colaboración, á educación con corazón.
Seguimos...lendo, construíndo, vivindo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario