Acabamos de recibir esta excelente nova: O Proxecto Da cociña á mesa, levado a cabo nas aulas de Infantil do noso centro, ven de ser premiado no III Concurso de Traballo por Proxectos que convoca a Consellería de Educación, na modalidade Proxectos de Investigación de ciclo /departamento.
O Proxecto naceu da man das profesoras Marta Couto e Sandra Cao e, de inmediato, foi asumido por toda a comunidade educativa: o Concello, que facilitou as infraestructuras necesarias, a ANPA, que fixo o propio cos electrodomésticos e menaxe... e o profesorado que tiña clara a utilidade pedagóxica dese laboratorio tan cercano que supón unha cociña.
A aula inaugurouse o pasado 1 de Marzo sabendo que estabamos a darlle forma a un recurso que xogaría un papel moi importante no desenvolvemento curricular. Hoxe conta co seu propio blogue e xa é para nós, unha dependencia máis do cole, co seu horario asignado por aulas coma os outros espazos comúns. Canto alí sucede é curricular.
E, alí sucede de todo: mídense masas, calcúlanse densidades e volumes, practícanse textos instructivos, casan química e literatura... alí exercítase a motricidade fina, a prensión correcta, a importancia do orde e a organización, da hixiene... alí experiméntase con texturas, con misturas, coa caducidade, cos etiquetados... e todo elo dun xeito festivo e positivo.
Agradecemos desde aquí á Consellería a posta en marcha deste tipo de iniciativas que visibilizan prácticas innovadoras e enchen de sentido o tan manido concepto de competencias básicas.
O ensino público e rural, unha vez máis, está de noraboa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario