27.2.13

Proxecto piloto E-LBE nas Bibliotecas Escolares

Na mañá do pasado mércores, 20 de febreiro, o auditorio da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, acolleu a presentación dun proxecto piloto para a incorporación dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares, E-LBE, integrado no PLAN LÍA de bibliotecas escolares, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. En novembro de 2012, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos realizou unha convocatoria destinada aos centros incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Recibíronse un total de 327 solicitudes e procedeuse á selección de 25 centros que cumprían os dous requisitos previstos: compromisto coa biblioteca escolar (manifestado na memoria do curso anterior) e instalación en concellos rurais galegos. Cunha sesión informativa e a entrega dos lectores electrónicos aos centros seleccionados botou a andar este pequeno proxecto que busca, fundamentalmente, proporcionar ao alumnado novas experiencias de lectura.
 Nesta sesión estiveron presentes os responsables das bibliotecas do CEIP Mestre Valverde Mayo, de Mos (Pontevedra) e do IES Lama das Quendas, de Chantada (Lugo), que xa botaran a andar iniciativas de uso de lectores electrónicos nos seus centros, para comentar a súa experiencia e proporcionar, así, información sobre liñas de actuación posibles. Os centros incluídos neste proxecto E-LBE contarán cun equipamento de 3/4 dispositivos de lectura electrónica que utilizarán en función dos obxectivos do Proxecto Lector de Centro e coa orientación que o equipo de biblioteca crea máis oportuno.
A final de ano participarán, mediante un breve formulario, na elaboración dun informe para a valoración desta experiencia.
Achégase un díptico informativo e unha relación máis ampla de recursos electrónicos relacionados coa lectura dixital e o libro electrónico. PPT Proxecto E-LBE -- PPT CEIP Valverde Mayo (Mos) -- IES Lama das Quendas (Chantada)
 (Publicado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia)

Sobra dicir que traemos esta nova a esta fiestra por que o noso foi un dos centros seleccionados na convocatoria.
Agora andamos a tomar decisións sobre o maior e mellor uso que lles podemos dar.
Seguiremos informando.

Ningún comentario: