Vimos de aistir este pasado venres ós Encontros dos centros do PLAMBE, organizados pola Asesoría de BEs.
Unha nova ocasión para seguir confrontando as prácticas que os centros galegos desenvolvemos en torno ós libros e a lectura (en tódalas súas modalidades e funcións)
Valoro, especialmente, netes Encontros anuais a capacidade de quen organiza para sorprendernos, para avanzar... para abrirnos os camiños que precisamos e pór luz sobre eles.
Gustei especialmente do traballo das profesoras Baró e Mañá sobre avaliación: están a elaborar unha ferramenta magnífica que permitirá avaliar o trabllo das BEs, saber cales son os puntos fortes, os que precisamos mellorar... é dicir: o que precisamos para saber como traballamos e reconducir as nosas prácticas.
Teño un interés especial en achegarme á intervención do profesor José Antonio Cordón e o seu traballo sobre as redes sociais, a web 2.0 e as BEs.
O broche final púxoo Xosé Neira Vilas que ante nós foi desgranando as súas lembranzas biográfico-literarias: ¡un placer escoitalo!
O autor de Memorias dun neno labrego está este ano de celebración por cumplirse 50 anos da primeira edición dese libro, traducido a centos de linguas e que marcou o nacemento da literatura infantil e xuvenil en galego anque, como dixo o propio Neira Vilas, non foi escrito con esa intención. Pero nenos e nenas adoptárono e apropiáronse del.
Foron moitas as anécdotas e vivencias que nos trasladou coa naturalidade que o caracteriza. Valorei especialmente o descubrimento da revista infantil Zunzun e da antoloxía que dela fixo a profesora Ana Chouciño, malpicana á que coñecemos pero non este traballo que tentaremos conseguir canto antes polo seu doble valor.
Lembramos que tódolos materiais dos Encontros son accesibles no espazo Moodle da Asesoría.
Ningún comentario:
Publicar un comentario