24.5.09

Relatos de pensamento creativo

Éste é o subtítulo de ESFINXE, un libro delicioso que acaba de chegarme ás mans. Trátase dun conxunto de enigmas con todo o aguillón do reto e toda a dozura e o encanto dos materiais feitos con amor e intelixencia.

Tomo palabras de Carlos L. Medrano (o autor) para presentárvolo:

Este libro convídate a coñecer outros enigmas, outros Edipos e outras Esfinxes. Ó longo das súas páxinas irán desfilando detectives, espías, atletas, piratas, esploradores, princesas... e tamén xente común e corriente. De páxina en páxina viaxarás desde o Exipto de Cleopata ó Nova York do crack de 1929, dende a Samarcanda de Tamerlán á vila mariñeira de Portonovo. Algúns destes relatos son vellos clásicos que de seguro xa coñeces; outros, en troques, serán novos para ti e faránche cavilar un pouco.
En calquera caso, como todo aventureiro ou aventureira que se prepara para un desafío, ti tamén debes dispoñer as túas armas e ferramentas. As que máis che axudarán son, sen dúbida, a atención a lóxica, a intuición e a imaxinación.

Hai enigmas fáciles, medios, difíciles, moi difíciles e diabólicos. Vamos, coma para non aburrirse.

Unha pequena xoia editada por tresCtres na súa colección Polipatín que pode ser usada como material de aula... ou como nos pete. Unha caixa de sorpresas que non rematan... nin no apartado das solucións.

2 comentarios:

Carlos L. Medrano dixo...

Grazas polos comentarios a este libriño. Case me poño colorado!
O certo é que Esfinxe levaba xa moito tempo dando voltas por diversas editoriais ata que, por fín, os amigos de tresCtres se animaron a publicalo. Isto en si mesmo é unha alegría, pero ler que o libro é ben acollido fai que a satisfacción sexa dobre.
Como ben dicides, a obra foi feita con moito cariño. Xa sei que é un tanto atípica para o que se acostuma entender como lectura para rapaces e rapazas, pero penso que esa singularidade e o xogo que o libro propón tamén pode ser un valor engadido.
En fín, moitas grazas de novo.
Ah! E parabéns polo blog!! Xa hai tempo que lle sigo a pista. Dá gusto seguir o día a día da vida dunha biblioteca escolar con tanto dinamismo e frescura.

olga dixo...

Unha honra toparte por aquí e un placer esa ESFINXE coa que seguro pasaremos moi bos momentos..
Xa supoñiamos que temos máis seguidores que eses 36 que se declaran :-)