23.1.09

Isto non é novo, en Malpica



Corría o ano 1965. 18 de Xaneiro. Un tremendo temporal tirou o muro da Atalaia. A xente non daba créto. Ningunha desgraza persoal pero moitas nos barcos. E, en Malpica, os barcos fan parte da familia. Xa non se celebrou a Festa dos Casados que sería, coma sempre, o día de S. Sebastián.

Un ano despois, 1966. 20 de Xaneiro. Un tremendo temporal rompe o muro da dársena pouco antes de comezar a verbena. De novo non houbo danos persoais. De novo unha desfeita nos barcos.

A festa dos casados non se volveu celebrar durante moitos anos.

Tódolos mariñeiros de Malpica saben que o inverno, inverno ven entre xaneiro e febreiro. Agora tamén saben que se chama cicloxénese explosiva.
De feito, aquí hai un refrán que di:

Se sae San Xulián, non sae S, Sebastián.

Para os non iniciados, direivos que S. Xulián celébrase o 8 de Xaneiro e S. Sebastián o 20 deste mesmo mes)

Así que xa sabedes como se chama o de hoxe...e tamén, ¡que non é nada novo! Preguntade na casa.
A min contáronmo: Choriña, Carlos o peluquero, Mucha da Atalaia e Tito de Peseta.

¡Ah! e non deixedes de visitar a páxina do Museo do Mar e mirar as fotos con papá, mamá, os avós... eles iranvos explicando o que vedes.
Porque é importante saber de onde vimos para saber a onde imos.
Desa páxina provén a foto que ilustra esta entrada.

2 comentarios:

O Segrel do Penedo dixo...

Sabías que o patrón do meu pobo (Ferrol) é S. Xulián? Pois esta noite, esa "cicloxénese" foiche pero que moi "explosiva" por aquí, e a min o "vento" dácheme moito... "respecto"

Anónimo dixo...

Está claro que non hai como escoitar ós do lugar (sobre todo a xente maior) para darse conta que as cousas non son novas, sempre estiveron aí, pero agora tal vez estemos menos preparados e preparadas para afrontalas, a pesar da tecnoloxía punteira.