12.12.08

O apalpador





(Debuxos de Leandro Lamas)


Vaite logo meu niniño/a,
marcha agora pra camiña.
Que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña.

Xa chegou o dia grande,
dia do noso Señor.
Xa chegou o dia grande,
e virá o Apalpador.

Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

(en portugués no orixinal)

(Fonte: Amadora de Galego †, labrega, 79 anos, Romeor de Caurel, en Decembro de 1994). Cantigas recollidas no artigo de José André López González no Portal Galego da Lingua

Vía O Recanto de Mik e da asesora Cristina Novoa, soubemos esta semana da existencia dun personaxe da nosa mitoloxía que descoñeciamos por completo:

o Apalpador, tamén chamado Apalpabarrigas.

Trátase dun carboeiro que vive no monte e, cando chega o inverno baixa e vai polas casas apalpando as barriguiñas dos nenos e nenas para comprobar se están ben mantidas. Se non é así, dalles castañas quentiñas e deséxalles que non pasan fame en todo o ano seguinte... e outras cousas boas.

É, polo tanto un personaxe positivo e, polo que parece está, ou estivo ata hai ben pouco, vivo na tradición oral da montaña Galicia oriental

Tería correspondentes na literatura popular do País Vasco (o Olentzero), dos Países Nórdicos...

Total: unha figura para saber máis.

E, para saber máis:
a gentalha do pichel
Leandro Lamas, artista que está a facer a campaña para a súa recuperación.

1 comentario:

Mik dixo...

Olga, deséxoche o mellor para o vindeiro ano. Que chegue repleto de ilusións e ledicia, de éxitos e, sobre todo, de amor e amizades coas que compartir lembranzas, proxectos e unhas boas risas.
Un bico,
Julia