FELICITAMOS efusivamente á Editorial galega KALANDRAKA polo RECOÑECEMENTO que ven de recibir de mans do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte: Premio Nacional a la Mejor Labor Editorial 2012
Trátase do Premio máis importante que se concede en España arredor do libro.
Lembro cando no ano 1998 apareceu un día polo noso centro un señor que dixo chamarse Xosé Ballesteros. Traía na man un libro que nos encantaba pois en varias aulas tiñámolo fotocopiado en branco e negro e encanutillado ante a imposibilidade de conseguilo. E alí estaba aquel home pequeno e de aspecto afable esgrimindo o libro formato álbum, tapa dura e a toda cor, nas súas mans: tratábase da Toupiña... Aquela tarxeta de presentación fixo que nos renderamos aos seus pés e que miraramos con afecto e respecto aquel novo proxecto editorial que nacía en Pontevedra.
O resto xa o sabedes: un logo camiño sempre centrado na súa declaración de principios:
...libros diferentes, atractivos e enriquecedores...
...espertar nos nenos a curiosidade e o enxeño, a educalos a nivel afectivo, estético e visual...
...esmerada concepción do traballo en equipo...
...un fondo compromiso coa cultura...
...un contacto permanente cos lectores...
Da man desta editorial non so recuperamos A toupiña..., tamén outros clásicos da literatura infantil e xuvenil como Un pesadelo no meu armario, Onde viven os monstros, Os tres bandidos, Artur e Clementina, Rosa Caramelo... senón que o fixemos na nosa lingua e nunhas edicións coidadísimas que prestixian a nosa producción editorial como acreditan os múltiples premios que a edición literatura infantil e xuvenil galega recibe cada ano.
Felicitamos novamente a Kalandraka e a todos cantos a fixeron posible
ATREVÉNDOSE A SOÑAR.
Ningún comentario:
Publicar un comentario