21.7.09

Punto final e agradecemento.



Remato as entradas sobre a festa que se viviu en Muros con motivo dos IX Encontros de Embarcacións Tradicionais deixándovos os enlaces ós álbumes fotográficos.
Como última reflexión gustaríame darlle o valor que ten ó traballo comunitario que fixeron os muradáns e muradanas. O traballo desenvolvido foi moito máis aló da organización dun evento. Si, foi algo máis: puxeron o corazón.
Só así se entenden eses centos de voluntarios e voluntarias colaborando coa organización, ese mimo en engalanar ruas, casas e escaparates, esa aportación colectiva do que cada quen tiña na súa casa (bonecas de cartón, máquinas de coser...) Esa idea de colectivo e de traballo comunitario que cando se dá multiplica os esforzos individuais e engrandece ós protagonistas e cando non se dá...
Eran conscientes de que estaban a ser observados por miles de ollos que, en moitos casos, ollaban por vez primeira a vila. E querían que o efecto fora a FASCINACIÓN.
Obxectivo conseguido. Moitos de nós volveremos a Muros e miraremos con ollos de respecto e cariño á vila e ós seus habitantes que teñen de sí mesmos e da súa cultura un alto concepto.
Por todo elo:

GRAZAS, Muros.

Muros I
Muros 2
Muros, a vila
Ceremonia inaugural

20.7.09

Aniversario


Hoxe é o momento de falar do aniversario da chegada do Apolo XI á Lúa hai 40 anos. De contarvos cousas de Amstrong, Aldrin e Collins que quedaron para sempre na nosa memoria. Pero eso xa o fixeron os xornais do día e limitareime a deixarvos os enlaces:
Especial do diario El Mundo (moi documentado)
Diario El PAIS
A NASA

Para min, a Lúa segue a ser un personaxe literario, un escenario para os contos e para os soños... e lembro libros coma este que recrearon os nenos e nenas de 2º o curso 07/08.

A lúa é ese lugar en forma de C maiúscula , bañadiño en mel no que aparecían sentados os ratiños na última páxina de La ratita presumida na versión que eu tiña de nena.


14.7.09

O mar do traballo



Unha das primeiras cousas que debes aprender para ir a bordo é os nomes dos cabos (o que os terrícolas chamamos cordas, a bordo son cabos)
Cada cabo ten un nome diferente e cada tripulante é responsable dun deles para facer as manobras.
Persoalmente, sempre me parece un miragre cando conseguen cambiar a vela para virar o rumbo ou para millor aprobeitar o vento (lembrade que este é a enerxía que move a embarcación). Nese intre, os fotógrafos tamén temos unha función: atender a non estorbar!!!

A bordo só un dá as ordes: o patrón. E todo o demáis funciona coma unha máquina ben engraxada.


Toda a información sobre os Encontros:
na web da Federación
en Mar de Muros
no blog da ACD Dorna

Patrón e patronsiño



Ben sabemos como os pequenos gustan de aprender de nós...¡as cousas que lles gustan! Este é o caso: Miguel disfruta aprendendo do mestre Uxío.
A navegación tradicional precisa de novos navegantes, de rapazas e rapaces que aprendan as técnicas, disfruten con elas e sexan quen de transmitilas chegado o momento. Así foi durante séculos e así seguirá a ser.
Velaí unha proba, nesta ocasión no mar de Muros.

Enlace á reportaxe do xornal El País sobre a Escola, Uxío... con algunhas faltas e moitos erros pero.... vale para ler.
Outro enlace a un programa que a TV3 (Catalunya) lle dedicou hai uns anos.

10.7.09

Muros, 2009


Xa vos falei de que estes días ando por Muros no IX Encontro de embarcacións tradicionais.
Vouvos deixar información por se vos queredes achegar por aquí:

Xa o dixen nalgunha ocasión:

quen esquece as súas raíces nunca poderá medrar dereito.

E así o creo.

As raíces da Galicia costeria son mariñeiras, están no mar. O mar que dá de comer, o mar do traballo, o mar que organiza a vida en torno a el. Arredor do mar hai toda unha cultura de labores, de comidas de construcción naval.... mesmo de cancións, de cultos, de ritos... Moitas comunidades e persoas gardan ese saber sen ser conscientes de que están a facer algo valioso: gárdano porque é seu. E outos gárdano, practícano e consérvano na consciencia dos riscos que corre.

Hoxe máis que nunca, a globalización pode pór en risco a conservación destes modos de entender a vida. Pero a globalización, ben entendida, tamén pode valer para o contrario.

Aquí hai portugueses, vascos, franceses, cataláns, andaluces, murcianos e xentes de toda Galicia: de Ferrol a Bueu, pasando por Chantada.... cada quen cos seus barcos e as súas tradicións. Compartindo, mostrando, aprendendo, ¡medrando!

Xa vos deixarei algunhas fotos destes Encontros. De momento: todo ben.

Ferramentas 2.0 en educación

Como seguramente andades a facer a programación do vindeiro curso, tal vez esta presentación sobre os recursos da web 2.0 aplicados na aula poida botar unha man na competencia informacional e na de TIC. Eu vina en Bibliofagia

8.7.09

Axudándolle á natureza



O Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, pertencente ó CSIC (Centro Superior de Investigaciones Científicas) leva desde 2006 desenvolvendo un proxecto sobre a cría en cautividade do Cabaliño de Mar Narigón (Hippocampus guttulatus)
O equipo que dirixe o profesor Miguel Planas acabe de culminar a segunda fase do proxecto SOLTANDO 10 EXEMPLARES na AROUSA.

Co proxecto ademáis da reproducción en cautividade, , comprobaron que é verdade o de que os machos incuban os ovos e pairen as crías, e que non é verdade que as parellas sexan monógamas.

Como sabedes, a especie está protexida e, en Galicia case extinguida.

O proxecto é pioneiro a nivel mundial e os exemplares liberados serán obxecto de seguimento durante un ano (levan un chip posto), se é que obteñen a financiación necesaria para a continuidade.

Para saber máis cousas do Proxecto Hippocampus podedes ler esto ou estoutro.

A min pareceume unha excelente noticia polo que ten de prestixio para os científicos galegos (que propuxeron o proxecto), porque sabemos máis ...¡e porque me chiflan estes peixes tan especiais!

3.7.09

Feliz cuarto de século!!!

Non hai cousa máis bonita que a imaxe dunha dorna no mar da Arousa.
Disfrutade das imaxes da XXV volta á Illa de Aorusa organizada pola ACD Dorna, tamén da Illa e que tamén cumple un cuarto de século.
A todos eses homes e mulleres que lle adicaron durante estes 25 anos tempo, ilusión e traballo á recuperación e impulso da nosa cultura marítima tradicional

GRAZAS !!!

Benvido, Nuno

Nuno acaba de nacer e xa forma parte dun club moi exclusivo onde só figura o 12% dos nenos e nenas que nacen en Galicia cada ano:

o Club dos nenos e nenas que levan nomes galegos.

Quen sabe por qué, as nais e pais do noso país escollen maioritariamente nomes alleos para chamar ós seus fillos e fillas. ¿Será porque descoñecen? ¿Será por non parecer decantados ideoloxícamente? Parece ser que cando se escolle un nome galego estase a declarar un certo posicionamento político ou ideolóxico. E non é así. Que llo pregunten ós pais de Nuno.

Por esto me emociona especialmente: porque seus pais puxéronlle un nome do país que o ve nacer, un nome que o identifica coas súas raíces, unha identidade. Nada máis, e nada menos. E non por facelo, fan tamén unha declaración de ideoloxía concretada nun partido polítivo concreto. A identidade non é eso. Mirade, senon a Euzkadi ou a Cataluña: orgullosos de sí mesmos en calquera lugar do espectro partidista.

Logo, a vida de Nuno será a que el decida.

Benvido á vida, meu neno. De momento, xa sabes onde tes as raíces que irán contigo alí onde vaias: sabes cal é a túa identidade.

Que os ventos che sexan propicios!


1.7.09

79 máis

79 novos centros públicos de toda Galicia incorporaránse o vinderio curso ó PLAMBE, segundo a resolución provisional que se fixo pública o pasado día 23.
Podedes consultar a listaxe de todos eles nesta ligazón.

Recibimos con cariño a nova: Xa somos máis. Para pensar, para opinar, para aprender, para enriquecer... PARA SUMAR.

79 novos fachos da animación á lectura e da ALFIN. 79 claustros máis comprometidos no labor de divulgar a lectura, as técnicas de búsqueda documental... 79 equipos que regalarán o seu tempo e o seu esforzo. Que non terán máis horas que as que cada claustro decida, ningún punto para a súa carreira administrativa, que non terán a consideración de departamento... Que chegarán ó final do curso extenuados... pero repetirán ano tras ano.

Benvidos e benvidas a este fermoso reto educativo que son as Bibliotecas Escolares de Galicia, referentes xa hoxe dentro do panorama do Estado Español.