Páginas

19.4.20

Carta ás familias. Instrucións terceiro trimestre

Queridas familias:
O pasado venres, ás sete e media da tarde chegou ao correo do centro unha comunicación do noso inspector. Nela, sen outro contido,  achegaba as orientacións provisionais para o desenvolvemento do 3º trimestre do curso 2019-2020. Premendo enriba del podedes lelo directamente na páxina da xunta de primeira man.

Nas devanditas orientacións non hai nada novo para nós: a avaliación farase continua (tal e como figura na lexislación vixente e nunca foi doutra maneira), a repetición de curso será algo excepcional (xa ten esa consideración na lexislación vixente)…

No final do curso, o profesorado emitirá un informe de cada escolar (exactamente como se viña facendo ata o momento porque así o contempla a lexislación vixente).

Tal e como se indicaba nas anteriores instrucións para o confinamento: as actividades que se propoñan ao alumnado serán de recuperación, repaso e reforzo do traballado presencialmente. As tarefas serán globalizadas, interdisciplinares e integradas…. Ben sabedes que así é como estamos traballando desde o comezo.

Lido o texto quédannos preguntas. Moitas preguntas. Para as que non temos respostas.

Agardamos da nosa Consellería que, en cumprimento das competencias que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, tome as decisións necesarias para guiarnos claramente cara un fin de curso nas mellores condicións posibles.

Lede o documento. Iso é todo. Sabemos o mesmo ca vós.

Xa sabemos que vos gustaría ter certezas e seguridades. Tamén a nós.

Agardamos todos polas indicacións da Sra. Conselleira.

Indicacións que vos achegaremos en canto obren no noso poder.

Mentres tanto: apertas, azos e saúde.
A Dirección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario